Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

OS CONCERTOS SERÁN OS PROTAGONISTAS DAS FESTAS NA HONRA DE SANTA ANA, OS VINDEIROS 25 E 26 DE XULLO

O Concello de Cedeira organiza unha serie de actividades coa música como protagonista. Os vindeiros 25 e 26 de xullo a vila celebra as Festas na Honra de Santa Ana.

A primeira actuación musical vén da man do dj Brunookavvi, que ofrecerá unha sesión ás 23.30 horas o martes 25 na Praza Roxa. Na mañá do día 26, ás 12 horas terá lugar unha misa cantada pola Coral Eixil de Cedeira e a tradicional procesión polo casco antigo acompañada pola Banda de música Vila de Cedeira, que ofrecerá ao rematar un concerto na Praza Roxa. Á noite, haberá unha verbena ás 22.30 horas na Praza Roxa coa Orquesta Finisterre.

Paralelamente, do 25 ao 28 de xullo, na praza da Revolta haberá tobogáns inchables xigantes, unha actividade gratuíta que estará aberta de 11.30 a 12 horas e de 16.30 a 20.00 horas (excepto o 25 que só será en horario de tarde).

Outros concertos

Esta noite, o grupo Amaltea ofrece un concerto no marco da súa segunda xira por Galicia, na que van a presentar temas que aparecerán nas súas próximas gravacións e algunhas cancións do seu primeiro álbum. Será no Auditorio Municipal (rúa María Mediadora, esquina rúa Convento) ás 21 horas. O prezo das entradas establécese mediante billeteira inversa, pois o espectador decide despois do espectáculo canto quere pagar polo que escoitou.

Mañá, sábado día 22, o Auditorio acolle o Festival de Verán Rondalla de Cedeira, ás 20 horas. Participarán a coral polifónica ferrolana, A Magdalena, a coral polifónica Costumes de Bergondo e a Rondalla de Cedeira.

CURSOS DEPORTIVOS DE VERÁN 2023

Mañá 18 de xullo ábrese o prazo de inscrición para as actividades de verán 2023 que o Concello organiza no polideportivo municipal, durante o mes de agosto.

As prazas cubriranse por riguroso orde de inscrición ata cubrir o cupo desde o 18 ao 21 de xullo. A confirmación da praza deberá realizarse entre o 27 e o 29 de xullo e o inicio das actividades serán o 1 de agosto.

As actividades que se ofertan son:

Adult@s

  • Aquagym
  • Saúde na auga
  • Natación

Nen@s

  • Natación infantil

Recomendase a preincrición a través de:
Teléfono 981 482 633
Presencial nas oficinas do Polideportivo Municipal de 8.00 a 15.00h e de 19.00 a 22.00h.

CEDEIRA PROMOVE O DEPORTE PARA TODAS AS IDADES CUN TORNEO DE TENIS E OUTRO DE BASKET 3X3

O Concello de Cedeira aposta por promover o deporte e os hábitos saudables tamén durante o verán, e organiza un torneo de tenis e outro de basket 3×3 durante este mes de xullo. Ambos contan con diferentes categorías para invitar a facer deporte a todos os membros da familia.

O torneo de tenis “Vila de Cedeira” comezará este domingo, 9 xullo, e continuará ata o vindeiro día 23. O prazo para inscribirse remata hoxe, 7 de xullo, ás 14 horas. Para anotarse basta con chamar ao 981 48 26 33 ou acudir ao polideportivo. O custe por participar é de 10€, cun mínimo de dous partidos asegurados. Haberá categoría infantil (ata 15 anos), feminina e masculina. Os gañadores de cada categoría recibirán un trofeo.

O Cedeira Basket Club organiza xunto co Concello un campionato de 3×3, do 24 ao 30 de xullo no parque do Floreal. Haberá música, sorteos e un stand con venta de camisetas e outros produtos promocionais. O torneo amplíase respecto ao do ano pasado, e haberá catro categorías segundo a idade:

  • Mini: Nados entre 2012 e 2017, inscrición gratuíta.
  • Infantil: Nados entre 2008 e 2011. O custe de inscrición é de 20€ por equipo.
  • Senior: Nados en 2007 ou anterior. O custe de inscrición é de 40€ por equipo.
  • Veteranos: Nados en 1980 ou anterior. O custe de inscrición é de 40€ por equipo.

O prazo para apuntarse está aberto ata o 19 de xullo. A inscrición debe facerse enviando o formulario e o xustificante de pago por correo electrónico a: cedeirabasket@gmail.com ou por WhatsApp ao 722 558 145. O documento de inscrición e máis información sobre a forma de pagamento están dispoñibles en: https://cutt.ly/AwuCiEyi.

Os premios para todas as categorías serán medallas e, excepto na “Mini”, haberá tamén un convite a comida ou cea en diferentes restaurantes da vila para os equipos que queden en primeiro e segundo lugar no torneo. Poden consultarse detalladamente todos os premios en: https://cutt.ly/KwuCkRHN.

Ademais, haberá un concurso de triples sen límite de idade e un concurso de habilidades para os nados en 2008 ou posterior, que serán premiados con medalla e un vale de 50€ para mercar na tenda Cedeira Sport. Ambos terán lugar o 30 de xullo, e a inscrición realizarase os días da celebración do 3×3.

Máis deporte na vila

Durante esta semana estase a desenvolver a sétima edición do torneo de pádel, cunha alta participación (130 parellas) en todas as categorías. Este sábado rematarán o campionato cunha final con música e diversión para toda a familia nas pistas municipais de pádel, onde ademais se entregarán os trofeos aos gañadores.