Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

CEDEIRA VAI HABILITAR NA SERRA DA CAPELADA A PRIMEIRA VÍA FERRATA DE GALICIA

A Serra da Capelada vai contar en breve coa primeira vía ferrata de Galicia, unha instalación deportiva que facilita a práctica da escalada a persoas non iniciadas en dita práctica. Segundo informou o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, o goberno local confía no éxito que vai ter este novo recurso para a dinamización do turismo na zona, concretamente para o ocio activo ou de aventura, coa vantaxe de que non existen outras ferratas na comunidade e co atractivo indubidable das espectaculares paisaxes que acompañarán o percorrido pola Capelada.

A empresa Tierra&Ferrol Mountain Logistics encargarase da subministración e colocación dos elementos que compoñen a ruta por un orzamento de 17.998€ (IVE incluído), despois de presentar o prezo máis vantaxoso e de ofrecer, a maiores, a realización dun informe de certificación coa realización de probas de tracción aos diferentes elementos.

As vías ferrata son itinerarios por paredes verticais ou horizontais, nos que se colocan oportunamente banzos, cravos, grampas, pasamáns, cadeas, pontes ou tirolinas coas que as persoas que realizan a ruta poden progresar, sempre suxeitas cun cable de vida e equipadas co arnés, casco e outros aparellos necesarios. Trátase dun tipo de instalación deportiva que comezou a ter moita sona nos últimos anos e que representa un atractivo para o turismo activo e de aventura.

Segundo subliñou Moreda Gil, a vía ferrata “é unha peza máis que vai sumar forzas no proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal, o marco no que o Concello de Cedeira está a traballar, xunto aos outros seis implicados, para o desenvolvemento do turismo e o desenvolvemento sostible”. Este roteiro de escalada pola Capelada será outra forma máis de que a xente coñeza e valore as condicións xeolóxicas extraordinarias da zona e goce dunha experiencia diferente, afastada dos circuítos turísticos máis masificados.

A vía terá dous itinerarios, con diferentes niveis de dificultade, nos que haberá paneis informativos e explicativos para as persoas que acudan a realizalos. Coa vía ferrata, o Concello de Cedeira fai unha aposta máis pola diversificación da oferta deportiva no municipio, á que se une o parque de calistenia que se instalou este verán e o skatebowl que se está a construír.

ABERTO O PRAZO DE PREINSCRICIÓN AOS CURSOS DA CONCELLERÍA DE CULTURA

O prazo de inscrición será desde hoxe mércores 22 ao martes 28 de setembro (ás 14.00h).

Poderase presentar as solicitudes a través de:

  • Presencial no rexistro xeral de 9.00h a 14.00h.
  • Na oficina de turismo de 9.00h a 14.30 e de 15.30 a 21.00h.
  • Telemáticamente a través da sede electrónica do concello: https://sede.cedeira.gal/opencms/gl/

A resolución e comunicación de cursos a realizar e lugar e forma de pago de taxas será o venres 1 de outubro.

A idade mínima ara participar é nados/as no 2016 para “todas as idades” e no 2005 para “persoas adultas”.

Os cursos desenvolveranse sempre tendo en conta un número mínimo de persoas inscritas en cada un deles.

Pódese descargar a ficha de preinscrición na seguinte ligazón:

Descarga PDF ficha de preinscrición

 

 

CEDEIRA SÚMASE ÁS ACCIÓNS DE SENSIBILIZACIÓN CIDADÁ DA SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE

O Concello de Cedeira súmase un ano máis á campaña de sensibilización da Semana Europea da Mobilidade Sustentable a través da difusión de información sobre os efectos que os diferentes medios de transporte representan para o planeta. As accións, que se teñen difundido a través da canle de mensaxería instantánea da administración local á cidadanía, céntranse en lembrar os beneficios de empregar máis a bicicleta, tanto para a saúde de quen pedalea como para a loita contra o cambio climático.

As mensaxes empregan o lema elixido este ano, “Pola túa saúde, móvete de forma sostible”, e lembran que desplazarse en bicicleta produce cero emisións, axuda a combater a obesidade, non gasta combustible, mellora o estado de ánimo e a saúde, axuda a disminuír o quecemento global e ofrece unha forma fácil e rápida de moverse.

Hai que recordar que o Concello de Cedeira ten en marcha un Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sostible (PACE) como consecuencia da súa adhesión ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, cuxo obxectivo é rebaixar as emisións no municipio un 40% ata o ano 2030. O medio ambiente é unha prioridade para o goberno local, que entre outras cousas promoveu a contratación de todo o suministro enerxético do Concello de fontes renovables. Neste eido, o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que se está a realizar un esforzo por substituír toda a rede de iluminación pública co obxectivo de ter, xa a mediados do vindeiro ano, todas as lámpadas con tecnoloxía led, máis eficiente.