Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

UNHA BATUCADA ANIMARÁ ESTE SÁBADO POLAS RÚAS DE CEDEIRA O AMBIENTE DE ENTROIDO

O Concello de Cedeira anuncia a volta do Entroido “presencial” despois dun ano no que a celebración foi virtual pola pandemia. Porén, finalmente decaeu a intención de celebrar o tradicional desfile de comparsas despois de consultalo e acordalo co tecido asociativo da vila, que desta volta e pola situación sanitaria das últimas semanas non tivo ocasión de xuntarse e preparar coa necesaria antelación os seus disfraces. O ambiente de troula polas rúas do casco urbano estará garantido igualmente o próximo sábado, 26, coa actuación a partir das sete da tarde da batucada Os tambores da Lagoa.

Despois do sábado, o Concello de Cedeira promove tres festas temáticas para o público infantil no Polideportivo Municipal. Así, o domingo 27, de 17.00 a 20.00 horas haberá xogos xigantes e obradoiros de máscaras e caretas.

Para o luns 28, co mesmo horario, programouse unha festa máxica que estará animada con bailes, xogos con paracaídas e obradoiros de varitas, polvos flú, postais máxicas, chapas e photocall. Neste día haberá, ademais, unha área de lecer específica para bebés.

Para o martes 1, por último, resérvanse as atraccións inchables, que tamén estarán a disposición de forma gratuíta para as crianzas.

A CONCELLERÍA DE CULTURA PON EN MARCHA UN NOVO CURSO DE ACTIVIDADES PARA MAIORES E PEQUENOS

A Concellería de Cultura do Concello de Cedeira informa de que están de novo en marcha, ao igual que o ano pasado, os cursos de inglés, pintura, tapices e xadrez, que se van desenvolver ata o vindeiro mes de xuño. Desde o departamento que dirixe Ermitas García recórdase que estas actividades están bonificadas para familias con ingresos por debaixo do IPREM, familias numerosas, monoparentais, aquelas que inscriban a dous ou máis irmáns menores de 18 anos e para maiores cuxos rendementos económicos brutos per cápita non superen o 125% do IPREM.

As persoas interesadas en apuntarse nalgunha destas actividades poden facelo na Oficina de Turismo, no Palacete. Este ano repítense os horarios e lugares de impartición do curso pasado, no caso das clases de pintura tanto en Cedeira como nas parroquias de Cervo, Esteiro e San Román.

Non hai límite de idades salvo para o inglés, que vai dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 11 anos. Desde a Concellería de Cultura infórmase de que neste semestre se organizarán tamén, en datas por concretar, tres obradoiros e un curso. Os primeiros serán de iniciación á fotografía –en dúas xornadas-, de creatividade –tamén en dúas sesións- e un terceiro taller titulado “O cesto dos tesouros”, que irá dirixido á estimulación sensorial de bebés de 6 a 18 meses e que se desenvolverá nunha única xornada.

Tamén promoverá o Concello un curso de cinco semanas –cunha sesión semanal- no que se abordarán as claves dunha boa nutrición.

O AUDITORIO ACOLLE O SÁBADO SE PECHAS OS OLLOS, UNHA PEZA DE TRÉMOLA TEATRO SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO

O Auditorio de Cedeira acollerá este sábado, día 19, a representación da peza de Trémola Teatro Se pechas os ollos. A obra vai dirixida a un público adulto e amosa a realidade de violencia de xénero. A cita será ás 20.00 horas e as persoas interesadas en asistir poden reservar con antelación a súa entrada –o prezo é de 2,5€– a través do Whatsapp no número 649 876 614 ou enviando un mail a enrique.vazquez@cedeira.gal.

Lucía Golán e Paula Regueiro son as dúas intérpretes de Se pechas os ollos e tamén as integrantes de Trémola Teatro, unha compañía xurdida da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia a finais de 2017 e que ten producido varios espectáculos tanto para o público infantil como adulto. Neste caso, a obra parte dun texto da dramaturga Carmen Abizenda no que se conta como un amor de xuventude vai evolucionando cara a unha relación de violencia e control.

Antes, o xoves, o Auditorio acollerá unha charla informativa sobre a nova tarifa eléctrica e as formas para aforrar na factura. A charla, que comezará ás 20.00 horas, correrá a cargo de J. Andrés Breijo, experto na materia e colaborador do Instituto Galego de Consumo e de diferentes asociacións de consumidores e usuarios.