Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

MOREDA GIL REPASOU COA NOVA DELEGADA TERRITORIAL DA XUNTA OS PRINCIPAIS PROXECTOS PARA O MUNICIPIO

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, mantivo esta semana unha reunión coa nova delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, coa que puido repasar tanto actuacións realizadas como proxectos e demandas pendentes do municipio. Do encontro destacou Moreda o “ambiente positivo e o interese da responsable por coñecer todos os temas de Cedeira”, así como a súa disposición para realizar diferentes xestións. A primeira foi xa a axilización dunha entrevista que tiña pedida o goberno local con técnicos da Consellería de Sanidade para abordar cuestións relativas á ampliación do Centro de Saúde, que coa mediación de Aneiros quedou fixada para o día 19 e contará coa presencia do conselleiro, Julio García Comesaña.

Moreda Gil valorou a importancia que ten para a comarca contar coa Delegación Territorial da Xunta, unha instancia que permite abordar os problemas de xeito máis directo e próximo. Nesta primeira toma de contacto, o alcalde e a delegada autonómica falaron das demandas máis importantes que ten Cedeira sobre a mesa da administración autonómica. É o caso da ampliación do Centro de Saúde, unha cuestión na que están traballando tanto o Concello como a Xunta, e da solicitude presentada para a construción do Centro de Día.

O alcalde presentoulle tamén a Martina Aneiros a demanda, compartida pola dirección do centro e a comunidade educativa e ademais presentada no Parlamento Galego, de cubrir o patio de quinto e sexto de Primaria no CEIP Nicolás do Río. Ao respecto desta demanda, o rexedor expuso que o Concello de Cedeira ten asumido nos últimos anos intervencións non estritamente de mantemento, entre as que está a recente renovación do pavimento de caucho na zona de xogos de Infantil (o Concello investiu 10.000€, a metade do custo), e que na mesma liña acaba de consignar 55.456,84€ dos presupostos municipais para un novo pavimento de formigón no patio do areal (29.942,17€) e a instalación dun xogo de madeira (25.514,67€) no patio de area do colexio. “O papel do Concello non é so pedir, senón que estamos a colaborar e facer cousas tamén para contribuír á mellora do equipamento do centro”, apuntou Moreda.

Na reunión abordouse o avance das obras que está a levar adiante a Xunta de Galicia na estrada AC-566 que vai de Valdoviño a Cedeira para mellorar o trazado e eliminar algunhas curvas perigosas. Ao fío disto, o alcalde recordou as demandas, xa presentadas diante da Consellería de Infraestruturas, de actuar tamén para mellorar o trazado desta estrada no tramo de Landeira, no que os vehículos atopan unhas 25 curvas en algo máis de dous quilómetros, e da necesidade, máis urxente, de que se renove o pavimento e a sinalización horizontal do último tramo deste vial, na entrada ao casco urbano cedeirés, dado o mal estado que presenta.

Tiveron ocasión tamén de repasar algúns proxectos dos últimos anos que implicaron ao Concello e á Xunta, como o convenio para o saneamento ou a ampliación da escola infantil da Galiña Azul, na que a institución municipal acaba de rematar o arranxo das fachadas exteriores, tal como tiña comprometido.

O alcalde amosouse moi satisfeito pola acollida da delegada territorial, á que invitou a visitar Cedeira proximamente.

CEDEIRA SERÁ CAPITAL DO TEATRO EN GALICIA DO 20 AO 22

Cedeira é unha das catro vilas galegas polas que vai xirar a nova produción do Centro Dramático Galego, tal como hoxe explicou o seu director Fran Núñez, no marco dunha experiencia piloto que consiste non só en levar unha obra de gran formato a un concello pequeno, senón en permanecer alí con funcións durante varios días. “Do 20 ao 22 de maio Cedeira vai ser a capital do teatro en Galicia”, subliñou Núñez, quen apuntou que pola experiencia que tiveron xa en Cee, a anterior parada, a obra ten poder para atraer xente da contorna e tamén de máis lonxe.

“As oito da tarde, cando morren as nais” é unha peza contemporánea, innovadora e visualmente moi potente. Dela destacou Fran Núñez o texto de AveLina Pérez, premiado co Álvaro Cunqueiro en 2018, e a dirección de Marta Pazos, unha muller de recoñecida traxectoria, un tándem, dixo, de “valores seguros”. O paso da produción por Cee foi todo un éxito, explicou. “É o deber do teatro público explorar novas fórmulas que poden abrir camiños tamén ás compañías privadas”, considerou o director do CDG, que estivo acompañado na presentación que tivo lugar esta mañá no Auditorio de Cedeira polo alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e polas concelleiras de Cultura, Ermitas García, e Turismo, Carmela Prieto.

As funcións serán no Auditorio Municipal de Cedeira o venres e o sábado, días 20 e 21, ás 21.00 horas, e o domingo, día 22, ás 19.00h. Tal como explicaron, as entradas están xa á venda –a un prezo de 4€ e con descontos do 50% para estudantes, desempregados, maiores de 65 anos, familias numerosas e outros colectivos- na web ataquilla.com. Ademais, o CDG estará xa en Cedeira o xoves 19 para ofrecer unha función para o público escolar.

Coa finalidade de facilitar a afluencia de público de toda a contorna, haberá autobuses gratuítos desde Ferrol, Narón e Valdoviño, que nos tres días de representación deixarán ás persoas usuarias tempo suficiente na vila tanto para asistir á función como para dar un paseo e tomar algo. Para empregar os autobuses, será preciso, unha vez comprada a entrada, chamar ou enviar unha mensaxe de Whatsapp para apuntarse ao número 649 87 66 14. Os itinerarios adaptaranse á demanda e máis preto das datas da función informarase da oferta.

Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado forman o elenco da obra, que dura 75 minutos e está recomendada para maiores de 12 anos. A produción do CDG fai tamén un esforzo de integración, xa que contan con intérprete de lingua de signos, audiodescricións e subtítulos para as persoas con discapacidades auditiva ou visual. “As oito da tarde, cando morren as nais” é un xogo irónico sobre a relación entre o teatro e o público. De feito, a escenografía reproduce un patio de butacas desde o que se suceden as obxeccións ao traballo da actriz.

PUENTING NA GARITA DE HERBEIRA E UNHA DISCOTECA LIGHT, ENTRE AS PROPOSTAS DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS

Os 60 rapaces e rapazas de 3º da ESO do IES Punta Candieira que protagonizan este ano o procedemento de Orzamentos Participativos teñen formulado xa unha batería de 10 propostas. Entre as ideas presentadas, todas orientadas á creación de equipamentos ou actividades para o tempo de lecer e o deporte, está unha instalación para facer puenting na Garita de Herbeira, un campo de paintball, unha discoteca light (para menores de 18 anos) ou unha piscina ao aire libre.

O persoal técnico municipal está a analizar agora as dez propostas consensuadas nas aulas para avaliar se son factibles desde os puntos de vista técnico, económico e xurídico. Así, o Concello informará de cada unha das ideas e estimará o custo daquelas que sexan factibles, para que o alumnado poida votar en asemblea aquelas que sairán adiante e se financiarán cos 20.000€ que o Concello reservou para os Orzamentos Participativos.

O traballo dos últimos dous meses serviu para que os rapaces coñeceran ferramentas de uso común na redacción de proxectos, como os mapeos colectivos, o análise DAFO ou a árbore de problemas, ao tempo que protagonizaron unha dinámica de traballo na que debatiron sobre os problemas da vila e as súas necesidades nos ámbitos da accesibilidade, o medio natural, os equipamentos deportivos, a ordenación do territorio ou os servizos sociais, por exemplo.

O Concello de Cedeira executou no anterior exercicio os seus primeiros Orzamentos Participativos, que culminaron coa instalación do parque de calistenia e a organización dun ciclo de cine ao aire libre. O goberno local asumiu o compromiso de continuar en anos sucesivos co programa, sempre co alumnado de Secundaria do IES Punta Candieira, de maneira que os diferentes cursos pasen sempre por esta experiencia que lles permite coñecer como funciona a administración local e vivir en primeira persona o mecanismo democrático de decidir en que se gastan os recursos públicos.