Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MOCIDADE

O POLIDEPORTIVO DE CEDEIRA CONVERTERASE NO CENTRO DE OCIO E DE XOGOS DURANTE ESTE NADAL EN CEDEIRA

A Audición de Nadal da Escola de Música, unha cita clásica no calendario cultural de Cedeira, abrirá o vindeiro xoves, día 22 de decembro, o programa festivo promovido polo Concello para animar as datas máis familiares e entrañables do ano. No cartel destaca o papel do Polideportivo Municipal, que vai acoller a pista de xeo que tanto éxito tivo o pasado ano e atraccións inchables e outros xogos, garantindo un amplio espazo a cuberto para o lecer das familias. Desde o goberno local deséxanlle a toda a veciñanza unhas festas felices na compaña dos seus e animan á xente de Cedeira e de municipios próximos a vir e gozar das actividades, así como a consumir no comercio local, onde –recordan- están a repartir xa rifas para o sorteo de 3.300 euros en premios.

O Auditorio será o escenario o xoves 22, a partir das 19.30 horas, da Audición de Nadal da Escola de Música, unha cita na que o alumnado amosa a súa evolución e que adoita ter moita concorrencia. Ao día seguinte, o venres 23, Cedeira recibirá a visita de Papá Noel. A agrupación local de Protección Civil ocuparase de organizar o seu percorrido en trineo polas rúas da vila, a partir das 18.00 horas. O paseo rematará na Praza Roxa, onde recibirá ás crianzas e se desenvolverá, para rematar, unha sesión DJ.

Desde o sábado 24, o primeiro día de vacacións escolares de Nadal, estará aberta a pista de xeo e o resto das atraccións no Polideportivo Municipal. A instalación permanecerá alí ata o 8 de xaneiro e será similar á que xa funcionou o pasado Nadal na Praza Roxa. Trátase dunha pista de xeo sintético, de 200 metros cadrados, sobre a que se poderán utilizar os patíns con coitelas que estarán a disposición do público de balde. A ubicación no polideportivo, este ano, permitirá ter a superficie de patinaxe a cuberto sen a carpa, favorecendo o xogo nunha zona protexida pero máis aberta. Xunto coa superficie para patinar, no polideportivo instalaranse xogos inchables, unha zona de obradoiros para nenos e nenas e un tobogán, atraccións que estarán atendidas por monitores e que conformarán un amplo espazo a cuberto e seguro para o lecer das familias.

Tamén no polideportivo, os días 26 e 27 de decembro, funcionará unha área de batallas “Nerf”. Trátase dun xogo moi popular no que nenos e nenas disparan dardos de espuma inofensivos. Para nenos e nenas máis pequenos, os días 28 e 29 de decembro haberá no mesmo lugar un tren eléctrico co que poderán pasar un rato moi divertido.

Xa o 30 de decembro, ás 20.00 horas, o Auditorio Municipal acollerá o Concerto de Fin de Ano da Banda de Música Vila de Cedeira, outra cita tradicional e que nunca defrauda ao público.

Para o 1 de xaneiro programou o Concello unha Festa de Ano Novo. A unha da madrugada, unha hora despois de tomar as uvas, comenzará na Praza Roxa unha verbena amenizada pola orquestra Olympus.

Para rematar, Cedeira recibirá aos Reis Magos o 5 de xaneiro. A súa Cabalgata percorrerá a partir das 18.00 horas as rúas da vila e irá a deterse no Auditorio Municipal, onde Melchor, Gaspar e Baltasar recollerán as cartas de nenos e nenas que queiran darllas en persoa. Durante esa tarde haberá tamén unha “Merenda de Reis” e xogos inchables no CEIP Nicolás do Río.

O CONCELLO DE CEDEIRA ESTÁ A ELABORAR O PRIMEIRO PLAN DE INFANCIA E ADOLESCENCIA “AVEZAR”

O Concello de Cedeira está a traballar na elaboración do seu primeiro Plan de Infancia e Adolescencia, un programa para fomentar a participación deste sector de poboación nas políticas municipais e para favorecer a revisión do traballo nas diferentes áreas da administración local baixo o foco da Declaración de Dereitos do Neno. O plan “Avezar”, como lle ten bautizado, está actualmente na primeira fase de diagnose, na que se realizaron xa reunións co alumnado do IES e do CEIP, así como con políticos e técnicos do Concello e o tecido asociativo.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que o plan Avezar se vai configurar como unha folla de ruta para os vindeiros catro anos. “Para nós é un programa moi importante, como o Plan de Igualdade, que neste caso avanza nunha liña de traballo que xa enfilada cos Orzamentos Participativos e coa posta en marcha do Centro de Ocio Xuvenil”, comentou. “Queremos que os nenos e nenas e a adolescencia en Cedeira teñan o Concello cerca e que o identifiquen como unha administración próxima, que mira por eles e á que lle poden pedir cousas”.

A técnica que está a dirixir o traballo de posta en marcha do plan Avezar, Tania Merelas, explicou que nesta primeira fase de diagnose desenvolvéronse xa obradoiros con alumnado de segundo e terceiro de ESO, así como da FP Básica, do IES Punta Candieira, e tamén cos nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria do CEIP Nicolás do Río. En todos os casos houbo unha alta participación, porén os máis pequenos, comentou, amosáronse especialmente entusiasmados co plan e amosaron moitas ganas de aportar. Tamén nesta fase inicial de desenvolvemento do programa, celebráronse reunións con políticos e persoal técnico municipal, así como con asociacións locais, entre as que estiveron as de pais e nais dos centros educativos e outras de diferentes ámbitos.

“Trátase de que o traballo da administración local se desenvolva baixo a filosofía das dereitos da infancia, en todos os ámbitos, desde a planificación urbanística ata a programación cultural ou deportiva”, comenta Merelas. De feito, nas primeiras reunións coa rapazada xa xurdiron cuestións como a programación de máis eventos culturais e deportivos, ou o deseño dos parques e a creación de espazos cubertos para o lecer, entre outras moitas.

O seguinte paso vai ser a constitución do Consello Local de Infancia e Adolescencia, que velará polo cumprimento do plan e que será, tamén, un órgano consultivo do Concello. Nesta fase, a de planificación, volverán celebrarse obradoiros e reunións co alumnado, desta volta xa para recoller propostas e medidas concretas a poner en marcha. Tamén neste caso, celebraranse despois reunións cos representantes políticos e técnicos do Concello, e coas asociacións, para filtrar e validar as propostas. Segundo comentou Tania Merelas, no proceso xurden a miudo cuestións que non dependen das políticas municipais, de maneira que os nenos e nenas e adolescentes aprenden a identificar as competencias desta administración e doutras.

O plan Avezar será, finalmente, levado ao pleno da corporación para a súa aprobación e posta en marcha.