O CONCELLO DE CEDEIRA ESTÁ A ELABORAR O PRIMEIRO PLAN DE INFANCIA E ADOLESCENCIA “AVEZAR”
O Concello de Cedeira está a traballar na elaboración do seu primeiro Plan de Infancia e Adolescencia, un programa para fomentar a participación deste sector de poboación nas políticas municipais e para favorecer a revisión do traballo nas diferentes áreas da administración local baixo o foco da Declaración de Dereitos do Neno. O plan “Avezar”, como lle ten bautizado, está actualmente na primeira fase de diagnose, na que se realizaron xa reunións co alumnado do IES e do CEIP, así como con políticos e técnicos do Concello e o tecido asociativo.
O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que o plan Avezar se vai configurar como unha folla de ruta para os vindeiros catro anos. “Para nós é un programa moi importante, como o Plan de Igualdade, que neste caso avanza nunha liña de traballo que xa enfilada cos Orzamentos Participativos e coa posta en marcha do Centro de Ocio Xuvenil”, comentou. “Queremos que os nenos e nenas e a adolescencia en Cedeira teñan o Concello cerca e que o identifiquen como unha administración próxima, que mira por eles e á que lle poden pedir cousas”.
A técnica que está a dirixir o traballo de posta en marcha do plan Avezar, Tania Merelas, explicou que nesta primeira fase de diagnose desenvolvéronse xa obradoiros con alumnado de segundo e terceiro de ESO, así como da FP Básica, do IES Punta Candieira, e tamén cos nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria do CEIP Nicolás do Río. En todos os casos houbo unha alta participación, porén os máis pequenos, comentou, amosáronse especialmente entusiasmados co plan e amosaron moitas ganas de aportar. Tamén nesta fase inicial de desenvolvemento do programa, celebráronse reunións con políticos e persoal técnico municipal, así como con asociacións locais, entre as que estiveron as de pais e nais dos centros educativos e outras de diferentes ámbitos.
“Trátase de que o traballo da administración local se desenvolva baixo a filosofía das dereitos da infancia, en todos os ámbitos, desde a planificación urbanística ata a programación cultural ou deportiva”, comenta Merelas. De feito, nas primeiras reunións coa rapazada xa xurdiron cuestións como a programación de máis eventos culturais e deportivos, ou o deseño dos parques e a creación de espazos cubertos para o lecer, entre outras moitas.
O seguinte paso vai ser a constitución do Consello Local de Infancia e Adolescencia, que velará polo cumprimento do plan e que será, tamén, un órgano consultivo do Concello. Nesta fase, a de planificación, volverán celebrarse obradoiros e reunións co alumnado, desta volta xa para recoller propostas e medidas concretas a poner en marcha. Tamén neste caso, celebraranse despois reunións cos representantes políticos e técnicos do Concello, e coas asociacións, para filtrar e validar as propostas. Segundo comentou Tania Merelas, no proceso xurden a miudo cuestións que non dependen das políticas municipais, de maneira que os nenos e nenas e adolescentes aprenden a identificar as competencias desta administración e doutras.
O plan Avezar será, finalmente, levado ao pleno da corporación para a súa aprobación e posta en marcha.