Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

Carta de Camilo Casal, Concelleiro de Medio Ambiente

CARTA DE CAMILO CASAL, CONCELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE

O pasado luns, 6 de agosto, a iso das oito da tardiña, membros do colectivo ARCE (Asociación para a defensa dos ríos de Cedeira), entre os que se atopaba o concelleiro de Medio Ambiente, paseando pola beira do río desde a ponte da Acea, augas arriba – que, por certo se está limpando de novo e posibilitando o seu disfrute – detectaron de súpeto que a auga transparente e cristalina deixaba de selo para adquirir unha tonalidade parduzca máis que sospeitosa. Seguindo o seo rastro chegaron ata onde desemboca o emisario da EDAR que vomitaba un caudal enorme, moi superior ao habitual, de un líquido parduzco, con abundante escuma e un olor nauseabundo que tiña toda a pinta de levar en suspensión materia fecal.

Fixeron fotos e un vídeo, chamaron á policía local para que dera fe, e esta contactou con Viaqua e coa empresa que a xestiona, dependente de Augas de Galicia. Máis de 12 horas despois seguía o verquido de miles e miles de litros que remataron inevitablemente na praia, en pleno mes de agosto e ateigada de bañistas. Desde o concello contactouse a media mañá con Augas de Galicia que se excusou dicindo que fora un episodio puntual e que o que se detectou son lodos. Aínda sendo así, ao goberno local non lle parece a opción máis axeitada, que pasa, sen dúbida, por levalos a un xestor autorizado.

Pero tan puntual non debe de ser este incidente porque o martes, só un día despois , unha persoa plenamente identificada e que non ten inconveniente que se saiba publicamente quen é, mandounos un vídeo que xa se puxo nas redes sociais correspondente ao pasado 26 de xullo, ás 12 horas. Idéntico ao anterior, case un calco. E no concello non recibimos ningunha comunicación tampouco.

Demandamos a Augas de Galicia información transparente, áxil e veraz, para poder informar á cidadanía. A saúde pública e o medio ambiente son valores innegociables.

O goberno proporá á Xunta unha posible paralización cautelar das obras de saneamento durante as festas

O GOBERNO PROPORÁ Á XUNTA UNHA POSIBLE PARALIZACIÓN CAUTELAR DAS OBRAS DE SANEAMENTO DURANTE AS FESTAS

O goberno de Cedeira pide desculpas a veciños e visitantes por coincidir as obras de saneamento que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a realizar nas avenidas Castelao e da Area coas festas patronais, ao tempo que anuncia a súa intención de mediar ante a Xunta para unha posible paralización cautelar dos traballos durante as celebracións locais, que comezan este venres e finalizarán o día 17.

O alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, recordou que a execución destas intervencións obedece ao convenio que o Concello firmou en xullo de 2016 coa titular da devandita Consellería, Beatriz Mato, e explicou que, por conseguinte, tamén é á administración autonómica á que lle corresponde tanto a licitación das obras como a contratación das mesmas, así como o inicio das obras de acordo coa empresa adxudicataria.

Moreda entende o posible malestar da veciñanza e dos propietarios de negocios pero non así as críticas do grupo municipal do PP, “xa que os seus responsables terían que saber que o Concello está totalmente ao marxe dunhas intervencións que deron comezo esta mesma semana”.

No verán de 2016 a Xunta asinaba un convenio de colaboración co Concello de Cedeira polo que a administración autonómica se comprometía a investir 722.650 euros, con cargo a fondos europeos, co obxectivo de mellorar o saneamento desta localidade. As actuacións contempladas no documento incluían a construción dunha nova rede separativa de augas pluviais e residuais no casco urbano e a renovación do tramo de colector que ten a seu punto de orixe no polígono da Xunqueira.

O Concello apoia na súa presentación á Asociación Benestar Animal de Cedeira

O CONCELLO APOIA NA SÚA PRESENTACIÓN Á ASOCIACIÓN BENESTAR ANIMAL DE CEDEIRA

O goberno local está xa a traballar coa Asociación Benestar Animal de Cedeira (ABAC), unha entidade á que hoxe acompañará no seu acto público de presentación, que terá lugar na Sala Áncora ás oito da tarde.

Os responsables municipais recoñecen que unha agrupación destas características estaba a faltar no municipio, polo que valoran a súa presenza na vila para tratar de evitar desde o maltrato ata o abandono de animais, ademais de impulsar actividades e proxectos para “reducir a proliferación descontrolada das colonias de gatos, diminuír os conflitos veciñais e mellorar a calidade de vida dos animais”.

Así tamén o confirmou o presidente da entidade, Luis Hernández Cubero, que apuntou a realización de cursos, talleres e actividades de lecer relacionadas coas mascotas, a implantación do método CES (captura, estelización e solta) para o control de das colonias felinas e o proxecto “Cedeira sen xaneiras”, que inclúe a realización dun censo de animais para posteriormente actuar sobre cada unha de elas.

A Asociación, que foi legalizada esta mesma semana, tamén liderará unha campaña de concienciación e sensibilización cidadá coa finalidade de inculcar unha actitude de respecto e de responsabilidade cara aos animais e, dacordo co Concello, establecer un protocolo de actuación para que os cans abandonados teñan unha segunda oportunidade antes de se entregar a unha protectora ou refuxio. A entidade promoverá así mesmo a adopción de gatos sociables e o coidado dos que viven nas rúas procurándolles refuxio e realizando campañas de esterilización e control sanitario dos mesmos.

Os responsables da entidade invitan aos veciños a acudir á presentación de ABAC con seus animais de compañía.