Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

O XEOPARQUE DE CABO ORTEGAL DÁ OS PRIMEIROS PASOS PARA A CONSTITUCIÓN DO SEU COMITÉ CIENTÍFICO ASESOR

Os alcaldes e alcaldesa dos concellos integrantes da Asociación para a Xestión do Xeoparque de Cabo Ortegal –Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño- puxeron sobre a mesa os primeiros nomes para integrar o seu Comité Científico Asesor. Foi o tema central da orde do día da xuntanza celebrada onte en Valdoviño e o primeiro paso para a constitución deste órgano que, fundamentalmente, poderá informar e participar activamente en accións claves do xeoparque como a promoción de estudos científicos a favor da protección dos seus valores ou do desenvolvemento social e económico do territorio; définir criterios de protección ou dar visibilidade a publicacións, seminarios ou eventos de carácter científico.

Fomarán parte del catedráticos e investigadores, estudiosos e figuras significativas no eido da xeoloxía, arqueoloxía, antropoloxía, desenvolvemento rural ou paisaxe. Consensuada a proposta internamente e co visto bo das persoas propostas, darase a coñecer á cidadanía.

O CONCELLO APLAUDE O XOGO DE RAMPLA CO QUE CEDEIRA VAI COÑECER MELLOR OS PAXAROS DA CONTORNA

O Concello de Cedeira fixo entrega ao CEIP Nicolás do Río de 400 unidades do xogo cooperativo “Paxaros” que lanzou o colectivo sociocultural Rampla, do que a administración local distribuira xa outras 100 a través dos Reis Magos aos nenos e nenas que acudiron á súa recepción o pasado 5 de xaneiro. A concelleira de Educación, Ermitas García, levou ao colexio o material e agradeceu a iniciativa de Rampla, na que conflúen o talento do artista local André Ramil díaz co obxectivo de coñecer mellor a fauna máis próxima, as aves que habitualmente se ven por Cedeira e a súa contorna.

Así, desde o goberno local apoiouse, coa compra das 500 unidades, unha iniciativa que está a ter una grande acollida na veciñanza. O xogo consta de 24 fichas con ilustracións de pardais, xílgaros, merlos, lavandeiras, petos, cercetas…, obra de André Ramil. As aves aparecen co seu nome científico, en latín, así como en galego, vasco, catalán, castelán e inglés.

As fichas poden empregarse para facer parellas de paxaros e así ir coñecéndoos mellor ou ben para desenvolver calquera outra dinámica de xogo, participativa e cooperativa. As unidades entregadas ao colegio Nicolás do Río van ser repartidas entre todo o alumnado de Primaria e tamén ao de maior idade de Infantil.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, quixo expresar o agradecemento do Concello ao colectivo Rampla por esta iniciativa. “É unha aposta pola natureza, porque serve para coñecer e sensibilizar sobre a variedade de aves que temos, e tamén un traballo precioso do ilustrador, André Ramil”.

O CONCELLO AGRADECE O COMPROMISO DA CONSELLERÍA DO MAR CO FUTURO DA CONFRADÍA DE CEDEIRA

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, expresou o agradecemento do Concello á Consellería do Mar e á Confraría de Pescadores da vila polo seu compromiso coa eficiencia enerxética, concretado nesta ocasión na mellora realizada na fábrica de xeo do pósito. O rexedor local acudiu onte coa conselleira, Rosa Quintana, e o patrón maior, Eduardo González, a visitar as instalacións e agasallou á responsable cun panel de sanandresiños, os amuletos de San Andrés de Teixido que simbolizan a hospitalidade e o desexo de saúde e sorte.

A Confraría de Cedeira acolleuse ao programa de axudas que a Consellería do Mar publicou en 2020 para realizar melloras de eficiencia enerxética, seguridade e condicións de traballo dos pescadores e de calidade dos produtos desembarcados. Co apoio autonómico puido renovar os dous xeradores e o condensador da fábrica de xeo, co que o pósito vai conseguir un aforro de consumo de electricidade que está entre o 48 e o 52% e que é moi importante para a viabilidade económica da entidade.

Moreda Gil agradeceu o traballo do actual patrón maior da Confraría, Eduardo González, así como da súa predecesora, Lucía Villar, a prol dun colectivo esencial na economía da vila. “Agradecemos o seu compromiso coa confraría e en particular esta aposta pola eficiencia enerxética, que ao final o é tamén pola supervivencia da propia entidade”, considerou o alcalde, dado o importante aforro na factura que vai supor esta mellora.

Aplaudiu tamén o rexedor local os efectos que o investimento realizado van ter para o medio ambiente e recordou que o Concello de Cedeira asinou a comezos do pasado ano o Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía e que tanto o goberno local como a cidadanía están chamados a reducir a contaminación e loitar contra o cambio climático.