Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

REUNIÓN DE TRABALLO COA DIRECTORA DA AGADER PARA IMPULSAR O PROXECTO DO XEOPARQUE CABO ORTEGAL

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, participou onte xunto ao resto dos rexedores dos outros seis concellos implicados no Xeoparque Cabo Ortegal, nunha reunión de traballo coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Sastre. A responsable autonómica desprazouse ata a zona e comprometeu o apoio do organismo autonómico á iniciativa, da que subliñou que ten un enorme potencial para dinamizar a economía e crear emprego nestes territorios.

Cómpre recordar que a candidatura do Xeoparque Cabo Ortegal, que conforman os concellos de Ortigueira, Cariño, Valdoviño, San Sadurniño, Moeche e Cerdido, xunto con Cedeira, foi presentada o mes pasado á Comisión Nacional de Cooperación coa Unesco, o organismo que elixirá as propostas para levar á Unesco.

O proxecto foi incluído recentemente, ademais, no Pacto de Estado por Ferrol promovido pola Xunta, como unha iniciativa de interés para fomentar a recuperación económica da zona. Na reunión cos alcaldes, Inés Sastre concordou na oportunidade de implicar tamén no impulso do Xeoparque ao grupo de desenvolvemento rural Asociación Seitura 22.

O proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal abrangue uns 630km2 de territorio no que hai 52 Lugares de Interese Xeolóxico catalogado, cinco deles de relevancia internacional. Na zona hai rochas e formacións únicas producidas polo lento proceso de nacemento e posterior desaparición da gran Cordilleira Varisca e polo movemento das placas tectónicas. A peculiaridade da área está en que ten na superficie as rochas que habitualmente se atopan no Manto da Terra, a máis de 70 quilómetros de profundidade.

Entrar na lista de Xeoparques da Unesco significa protexer este patrimonio xeolóxico e poñer en marcha novas iniciativas de desenvolvemento económico sostible para crear emprego e fixar poboación. Actualmente, a zona conta con algo máis de 28.000 habitantes.

O GOBERNO CENTRAL FINANCIARÁ CON MÁIS DE 2,6 MILLÓNS DE EUROS A RECUPERACIÓN DA CETARIA DO SARRIDAL E A REXENERACIÓN DA PRAIA DA MAGDALENA

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, mantivo estes días un contacto co subdirector xeral para a Protección da Costa, Ángel Muñoz Cubillo, no que confirmou que o Ministerio de Transición Ecolóxica vai financiar integramente o custo dos proxectos de recuperación da antiga cetaria do Sarridal e de rexeneración da praia da Magdalena, valorados o primeiro en máis de 312.000 euros e o segundo en arredor de 2,3 millóns de euros. Moreda Gil expresou a súa satisfacción polo apoio do Ministerio de Transición Ecolóxica a estas dúas actuacións tan importantes para Cedeira, coas que se vai revalorizar o atractivo do seu patrimonio natural.

A recuperación da cetaria do Sarridal é unha actuación valorada en 312.589,89€ e abrangue a adecuación dos accesos e a recuperación das vellas estruturas destes viveiros, construídos nos anos 50 xunto á praia de Soneiras para gardar e engordar o marisco que logo se comercializaba a nivel nacional. O goberno municipal de Cedeira rescatou este proxecto, que estaba paralizado desde o ano 2010 por cuestións meramente técnicas e agora ten o compromiso do Ministerio, que o vai sacar a licitación antes de que acabe o ano.

Así, a administración local encargouse do informe de impacto ambiental e Demarcación de Costas someteuno a exposición pública a finais de 2018. Requeriu tamén da tramitación dunha addenda para actualizar o prezo e correxir as obxeccións técnicas que se puxeran á redacción inicial da intervención. Moreda destacou que esta é unha actuación que vai revalorizar o conxunto patrimonial da zona de Sarridal, onde está o xacemento arqueolóxico dun conxunto castrexo coa pedra formosa máis antiga de Galicia e o castelo da Concepción. “E unha zona de gran valor histórico, na que podemos explorar o pasado da vila diante dunhas paisaxes espectaculares”, subliñou Moreda.

A rexeneración da praia da Magdalena foi tamén unha cuestión prioritaria para o goberno municipal de Cedeira nos últimos anos. O principal areal da vila sufre un desequilibrio desde finais dos 90 que se traduciu nun retroceso da liña de costa e que pon en perigo o cordón dunar existente. Ao longo dos anos sucedéronse os aportes de area para paliar os efectos que os temporais ocasionaban na praia, se ben quedou patente a necesidade dunha intervención definitiva. Froito das xestións realizadas, en febreiro de 2019 Demarcación de Costas sacou a licitación a redacción do proxecto de rexeneración da praia da Magdalena e o estudo de impacto ambiental, un traballo que se adxudicou á consultoría Acadar Ingeniería y Consultoría por 77.440€.

O traballo, que xa foi presentado ao goberno local e á Confraría, vaise someter agora a exposición pública. Segundo explicou o alcalde, Pablo Moreda, é unha intervención para “superar os parches que se estaban a poñer sobre as consecuencias para ir á solución do problema”. Durante o período de exposición vai ser presentado e explicado aos grupos municipais por parte dos técnicos que o redactaron.

Coa boa nova da chegada da financiación necesaria para abordar estes importantes proxectos, Moreda Gil quixo agradecer o traballo do anterior equipo de goberno e tamén do actual, así como lembrar e recoñecer a dedicación da Plataforma en Defensa da Ría, na que se integraron os partidos da anterior coalición de goberno (PSOE, BNG e Anova) e Esquerda Unida, xunto coa Asociación Mares de Cedeira e a Confraría de Pescadores. Expresou tamén o seu agradecemento a Ángel Mato, que na súa etapa como senador colaborou para sacalos adiante e á deputada Montse García Etchevarría, que tamén contribuíu a levar a bo porto as xestións do goberno local.

O CONCELLO PON EN MARCHA UN ANO MÁIS OS ROTEIROS GUIADOS “DESCOBRE CEDEIRA”

Este xoves, día 1 de xullo, inaugúrase unha nova edición do programa de roteiros “Descobre Cedeira”, co que o Concello pretende facilitar á propia veciñanza e aos visitantes un mellor coñecemento do patrimonio natural e da historia da vila a través duns percorridos guiados por algúns dos seus lugares máis emblemáticos. Como en anos anteriores, hai tres rutas diferentes que se irán alternando os martes e xoves entre o 1 de xullo e o 2 de setembro: a “dos Tesouros”, a de Santo André de Teixido e o itinerario pola Vila de Cedeira.

O programa inaugúrase co roteiro a Santo André de Teixido, que será os días 1, 8, 15, 22 e 27 de xullo, e os días 5, 12, 19, 26 de agosto e 2 de setembro. O itinerario comeza na igrexa de Régoa e ten unha dificultade media. As persoas participantes teñen que levar a comida, porque o percorrido comeza ás 10.00 horas e remata ás 17.00 horas.

A seguinte ruta será a da “Vila de Cedeira”, de nivel moi doado e con saída desde a Oficina de Turismo. Neste caso, en horario de 10.00 a 14.00 horas, a guia turística levará ao grupo de participantes polo casco vello, chegará ata a capela de San Antón e logo irá ao xacemento arqueolóxico do Sarridal. Este percorrido farase os días 6 e 20 de xullo e o 3, 17 e 31 de agosto.

O roteiro “dos Tesouros”, por último, está tamén ao alcance de calquer camiñante. A saída tomarase desde a Oficina de Turismo ás 10.00 horas e o remate será ás 14.00 horas. Este percorrido vai polo paseo marítimo ata o faro da Robaleira.

As persoas interesadas poden informarse ou inscribirse de xeito gratuíto a través da Oficina de Turismo, en persoa ou a través de mail -mar.lopez@cedeira.es- ou teléfono -981 482 187-.