Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

O MUSEO MARES DE CEDEIRA OFERTA VISITAS SOBRE AS ARTES DE PESCA E ORGANIZA UNHA MESA REDONDA SOBRE SUSTENTABILIDADE

O PROXECTO “CEDEIXURA-PESCA DE COSTA”, financiado polo GALP A MariñaOrtegal e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca está coordinado pola CONFRARÍA DE PESCADORES DE CEDEIRA, tendo como socio ao CONCELLO DE CEDEIRA. Ten como cometido darlle visibilidade á calidade diferencial da pesca de baixura e do marisqueo, implicando ademais, neste obxectivo, ao sector hostaleiro.

Así, no pasado mes de xuño, celebráronse diversos “showcooking profesionais” nos que participaron Iñaki Bretal, Estrela Michelín 2021 e Miguel A. Campos ex-presidente, do Grupo Nove. Nestas sesións formativas, que estiveron dirixidas aos establecementos hostaleiros de Cedeira, xa se explicaba como son os procesos de extracción, o control da calidade e a garantía da trazabilidade, de cara á elaboración de propostas culinarias, baseadas en produtos da pesca de costa e do marisqueo.

En agosto, tamén tivo lugar a regata de traiñeiras, na que se promoveu a imaxe de marca “Pesca de Costa” durante o evento, como acción de sensibilización sobre a calidade diferencial dos produtos mariños de Cedeira, nun encontro deportivo de gran afluencia de público e con gran recoñecemento na identidade do pobo.

Agora, no mes de setembro, o proxecto continúa con actuacións de sensibilización sobre a sustentabilidade e as características da extracción artesanal. Deste modo, prográmanse unha serie de visitas guiadas sobre as artes de pesca utilizadas para a pesca de baixura (volanta, rascos, palangre, miños), que terán lugar no Museo Mares de Cedeira.

Nas salas do museo pódense observar distintos aparellos de pesca (garabetas, caceas, nasas, redes, mallas…) e maquetas de barcos, ademais de embarcacións tradicionais, de carpintería de ribeira.

Ademais, o Museo Mares de Cedeira, ten programado para o venres 24 de setembro ás 18,00 horas unha mesa redonda titulada “Responsables co mar”, na que participaran dúas mulleres da xunta directiva da “Asociación Museo Mares de Cedeira”, Isolina Díaz Novo e María del Carmen Pérez Muíño, Iria Freire Pérez, a bióloga da Confraría, ademais do colectivos de mariscadoras, percebeiros e diversos representantes de oficios relacionados co mar.

Tanto para obter máis información deste encontro, como para reservar prazas para as visitas guiadas, que están limitadas a un total de 20 persoas por grupo, pódese contactar co Museo mediante o seguinte correo electrónico: museomaresdecedeira@gmail.com

INFORMACIÓN SOBRE O PROXECTO DO PARQUE EÓLICO BADULAQUE

VER PDF Resumo Proxecto Parque Eólico Badulaque.

As persoas interesadas en presentar alegacións poden facelo en persoa na Casa do Concello (en rexistro) ou ben por sede electrónica cubrindo e asinando dixitalmente o arquivo en pdf e achegándoo ao modelo de solicitude xenérica poñendo en asunto “Badulaque”. O prazo de entrega remata o día 5 de setembro.

VER PDF Alegacións

As persoas que desexen modificar o texto das alegacións dispoñen dunha versión das mesmas en formato editable.

VER WORD Alegacións

A NOVA ESCAVACIÓN NO CASTRO SARRIDAL CONFIRMA A OCUPACIÓN DA ZONA DURANTE MÁIS DE OITO SÉCULOS

A última campaña de escavación que o Concello de Cedeira está a levar a cabo no xacemento de Castro Sarridal deparou unha grata sorpresa: o descubrimento dos restos dun templo tardoantigo de planta basilical. O achado significa, entre outras cousas, que este emprazamento estivo ocupado durante máis de 800 anos, unha circunstancia que confirma o enorme potencial arqueolóxico e patrimonial da zona. Emilio Ramil, o director do equipo de Axa Arqueoloxía, explicou que estes restos confiren maior complexidade ao conxunto e o converten nunha referencia totalmente innovadora en Galicia.

Os restos atopados están no sector oeste do xacemento, preto da sauna castrexa. A escavación destapou un muro e o ábside desta construción, que correspondería á época tardoantiga, a partir do século IV d.C., o tempo que corresponde ao fin do mundo romano e á entrada dos visigodos e a cristianización. Emilio Ramil explicou que haberá que continuar traballando e escavando para ter certezas, pero que a hipótese de traballo é que esta construción sería un oratorio, un espazo de culto, do citado período. “O máis importante é que o achado confirma que estamos a falar de máis de 800 anos de ocupación nesta zona”, comentou Ramil.

A campaña de escavación, que comezou a mediados de xullo e vai rematar esta semana, desenvolveu tamén traballos na zona da muralla defensiva do castro Sarridal, onde apareceu un muro que corta o mesmo torreón defensivo, cunha entrada en forma de vano ou escada. Esta é outra incógnita que haberá que despexar en sucesivas escavacións.

Unha vez rematada esta campaña virán, no mes de setembro, os traballos de consolidación dos restos escavados, que serán financiados pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.