Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

PROXECTO “EMPRENDE PESCA”

O “PROGRAMA DE VALORIZACIÓN DA PESCA SUSTENTABLE, E PARA IMPULSO DO EMPRENDEMENTO, PRIORITARIAMENTE NA TRANSFORMACIÓN, NO SECTOR PESQUEIRO NOS CONCELLOS DE CARIÑO, CEDEIRA E VALDOVIÑO (EMPRENDE PESCA)” está promovido polos Concellos de Cedeira, Cariño e Valdoviño, e ten como obxecto a valorización da pesca sustentable, o marisqueo e os oficios do mar a través de accións de promoción de produtos mariños locais e do emprendemento nestes municipios.

EMPRENDE PESCA está a realizarse grazas ás axudas que a Unión Europea ofrece, no marco do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP), para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), e que a Consellería do Mar aprobou para os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).

  • Coste total do proxecto (subvencionable + non subvencionable): 126.445,00 €
  • Coste subvencionable do proxecto (inversión pública + inversión privada): 126.445,00 €
  • Total axuda pública aprobada (€): 126.445,00 €
  • % Subvención: 100

Obxectivo xeral: Valorizar a pesca sustentable, tanto os oficios do mar como o coñecemento das especies, para o impulso do emprendemento, principalmente na transformación, no sector pesqueiro nos Concellos de Cariño, Cedeira e Valdoviño

Obxectivos específicos:

  • Promocionar o carácter sustentable dos modos de extracción da pesca e do marisqueo no territorio.
  • Fomentar o coñecemento de especies con menor incidencia na comercialización e consumo nos establecementos e fogares.
  • Impulsar o emprendemento e especialmente a transformación nun territorio moi centrado na comercialización do produto fresco.

Para acadar estes obxectivos, levaranse a cabo as seguintes actuacións, ao longo de 2021 e 2022:

OITO NEGOCIOS LOCAIS PARTICIPARÁN NAS XORNADAS GASTRONÓMICAS RECEITAS PESCA DE COSTA PARA POÑER EN VALOR OS PRODUTOS MARIÑOS DE CEDEIRA

O proxecto “Pesca de Costa”, actuación conxunta na que participan a Confraría de Pescadores de Cedeira e o Concello de Cedeira, ten como obxectivo visibilizar a calidade diferencial da pesca de baixura e do marisqueo, implicando neste cometido o sector hostaleiro da propia vila.

Esta iniciativa pon en relación os dous sectores económicos máis relevantes de Cedeira, o pesqueiro e o hostaleiro, poñendo en marcha unhas xornadas gastronómicas que terán lugar do 9 ao 12 de outubro.

En oito locais hostaleiros poderanse degustar as receitas “Pesca de Costa” elaboradas con produtos capturados no día. Algunhas das suxerencias son: pescada de volanta cociñada de diferentes maneiras (con salmón, salsa de queixo e caviar de algas, en caldeirada e acompañada de xurelo e cabracho ou en salsa verde, por exemplo); ostras ao forno con lima; polbo en ensalada temperá con fresas, amorodos e lagostinos; luras da ría fritidas; ou un peixe sapo á cedeiresa.

Os negocios de hostalería local que participan nesta promoción son O Amanexo, A Xunqueira, Vila Vella, O Castro, Brisa, Taberna do Jojo, Badulaque e Kilowatio. Nos seus locais disporase un código QR a través do cal se poderá ver o vídeo da receita que cada establecemento promociona e propón probar aos seus comensais.

As oito receitas tamén estarán dispoñibles no Facebook e na canle de Youtube da Confraría de Pescadores de Cedeira.

O propósito destas xornadas é poñer en valor a calidade diferencial do produto da costa de Cedeira, o seu valor nutricional, a sustentabilidade da súa captura e a trazabilidade do produto dende que se pesca ou extrae ata que se pon no prato. Con todos eses atributos quérese promover o seu consumo tanto na poboación local como nos visitantes da vila.

AVISO AOS PROPIETARIOS DE FINCAS SOBRE A OBRIGA DA XESTIÓN DE BIOMASA E DE ÁRBORES NON PERMITIDAS

O concello fai un chamamento á responsabilidade e lembra que as fincas descoidadas e cheas de vexetación ao carón das vivendas constitúen un perigo para a seguridade cidadá. Por este motivo, considera que é primordial, e de máxima urxencia, que se limpen estas parcelas.
As persoas propietarias de fincas que a estas alturas do ano aínda continúan en mal estado recibirán, en cuestión de días, unha notificación emprazándoas a que acometan a limpeza da maleza e a retirada de especies arbóreas prohibidas de forma urxente. Estas comunicacións inclúen un ultimato no que se advirte que se imporán sancións en caso de non actuar.