Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

A EXPOSICIÓN DEDICADA AOS OFICIOS DO MAR E ÁS SÚAS XENTES PODERÁ VISITARSE DURANTE AS FESTAS

Hoxe xoves dá comezo o programa de actividades para a celebración das festas da vila. Sete días cargados de festividade nos que poder gozar de alternativas para todos os públicos. Entre estas, estará dispoñible de novo a exposición itinerante dedicada á actividade no mar que forma parte do proxecto Cedeira Mar.

A exposición – que se instalou na praza da Marieta a fin de semana pasada – estará dispoñible nesta localización durante todo o transcurso das festas patronais. Composta por 8 grandes paneis didácticos amosa unha pequena parte do traballo que realizan as xentes do mar, tratando de poñer en valor estes oficios tradicionais que dan identidade á vila. Ademais, móstranse algúns dos enclaves máis destacados do litoral de Cedeira e resáltanse valores tan importantes como a sostibilidade e o respecto polo medio, a través do testemuño dalgunhas das persoas que mellor coñecen o entorno. Co fin de facilitar a accesibilidade, en cada un dos paneis está dispoñible, por medio dun código QR, unha audioguía en tres idiomas: galego, español e inglés.

Para a elaboración desta exposición foi imprescindible a colaboración das xentes da vila. Persoas como Tomás, Magdalena, Lorenzo ou Marta (entre outras moitas) fixeron visible unha pequena parte dos seus oficios e o seu desempeño, tan importantes para o desenvolvemento do litoral.

Esta exposición forma parte das accións recollidas no proxecto denominado como “Valorización da actividade pesqueira e marisqueira e dos seus espazos extractivos no litoral de Cedeira. Cedeira Mar”. Un proxecto impulsado polo Concello de Cedeira que traballa na posta en valor e visibilidade da actividade extractiva no litoral e a súa contorna, mediante accións de concienciación orientadas a todos os públicos.

O proxecto conta co apoio económico do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria extraordinaria de 2021. Ademais da actividade expositiva, dentro do programa leváronse a cabo obradoiros de sensibilización dirixidos aos escolares da vila e rutas polo litoral abertas á poboación xeral.

O MUSEO MARES DE CEDEIRA BUSCA TRIPULANTES PARA APRENDER A LER CARTAS NÁUTICAS

O Museo Mares busca “tripulantes” para embarcar nuns talleres nos que aprenderán a ler unha carta náutica. Desde mañá xoves ao venres, días 10, 11 e 12, e tamén o vindeiro día 18, xoves, desenvolveranse cursiños dunha hora de duración. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un mail a museomaresdecedeira@gmail.com ou ben mandando un Whatsapp ao número 656 577 273.

A participación nos cursiños ten un prezo de 2€. Os obradoiros impartiranse en grupos reducidos, de dez persoas como máximo, de 10.00 a 11.00 e de 11.00 a 12.00 horas.

O PROXECTO CEDEIRA MAR CONTINÚA AS SÚAS ACTIVIDADES CUNHA EXPOSICIÓN DURANTE O DISCALZ@S POLO FESTIVAL

O proxecto denominado como “Valorización da actividade pesqueira e marisqueira e dos seus espazos extractivos no litoral de Cedeira. Cedeira Mar” é un proxecto impulsado polo Concello de Cedeira que traballa na visibilidade e posta en valor dos oficios vinculados ao mar e a súa contorna, mediante accións de sensibilización orientadas a diferentes públicos.

Entre estas accións recóllese a actividade expositiva que terá lugar esta fin de semana, durante a celebración do festival de música Discalz@s. A través de 8 paneis en gran formato presentarase unha exposición orientada a 4 temáticas principais: a identidade mariñeira da vila, os oficios do mar, a sostibilidade e a creación da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro e os enclaves do litoral. Ademais de datos e curiosidades, os paneis incluirán os testemuños dalgunhas das persoas máis implicadas co mar, as xentes que traballan vinculadas a el. Tamén dispoñerán de códigos QR, mediante os cales, acceder á audioguía do panel en tres idiomas: galego, español e inglés.

A consecución desta actividade foi posible, en gran parte, grazas á colaboración da xente da vila. A través das súas ensinanzas, relatos e gran implicación, recompiláronse os contidos para os paneis didácticos da exposición, que servirán para difundir a importancia da gran tradición mariñeira da vila.

Durante a fin de semana do 5, 6 e 7 de agosto, veciñanza e visitantes poderán desfrutar dunha exposición na que descubrir un pouco máis das actividades que se levan a cabo no litoral, a súa morfoloxía e os oficios das xentes que dedican o seu día a día ao mar. A exposición poderá visitarse na praza da Marieta.

O proxecto Cedeira Mar é un proxecto coordinado polo Concello de Cedeira que conta ademais co apoio do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria extraordinaria de 2021. Dentro do proxecto desenvolvéronse outras actividades dirixidas a diferentes públicos, como os obradoiros de sensibilización para escolares ou as rutas polo litoral abertas a toda a poboación en xeral.