Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MEDIO AMBIENTE

O CONCELLO SUBLIÑA O EXCELENTE TRABALLO REALIZADO NA RECUPERACIÓN DAS VELLAS CETARIAS DO SARRIDAL

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, expresou a satisfacción do goberno local polo excelente resultado da obra de recuperación das antigas cetarias do Sarridal, unha intervención que executou a Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, pertencente ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, cun orzamento de 340.600€. En novembro pasado comezou a intervención, que tiña inicialmente un prazo de tres meses e que se prolongou un pouco máis por mor das condicións meteorolóxicas, que condicionaron o traballo na zona. “A estrea real das cetarias foi este verán, no que tiveron milleiros de visitas e comprobamos que constituíron un elemento de grande atractivo para a propia veciñanza e para as persoas que nos visitaron”, comentou o alcalde.

“A obra de acondicionamento das vellas cetarias que levou a cabo o Ministerio ten moita importancia pola revalorización dunha paisaxe extraordinaria e polo seu valor etnográfico, porque estas estruturas son un testemuño da importancia da pesca e o marisqueo en Cedeira”, destacou Moreda Gil. Os viveiros nos que se gardaban e engordaban as capturas cara a súa venda e distribución, principalmente fóra de Galicia, configuran un atractivo máis na península do Sarridal, un enclave que concentra unha gran variedade de elementos de interese turístico. Alí está o xacemento no que apareceu a pedra formosa máis antiga de Galicia, a poucos metros do Castelo da Concepción e da paradisíaca praia das Sonreiras. No paseo por este enclave están tamén o excepcional mirador de Punta Sarridal e a emblemática capela de San Antonio de Corveiro.

A obra, que executou a empresa Tragsa, abrangueu o acondicionamento dos accesos, coa habilitación dun sendeiro ao borde do cantil e a prolongación da escaleira de acceso á cala das Sonreiras, así como a instalación dunha malla de protección para estabilizar o talud e evitar desprendementos. Os traballos incluíron a extracción dos sedimentos acumulados no interior das dúas piscinas para restaurar a súa capacidade natural. Recuperáronse tamén os muros orixinais de pedra e reparáronse as fiestras e as súas reixas, ao tempo que se reconstruíron as cubertas parciais das estruturas con táboas de madeira. Tamén foi recuperada algunha maquinaria antiga, adecuáronse as zonas adxacentes e colocáronse paneis interpretativos tanto ao pé das cetarias como no mirador habilitado sobre elas no cantil.

Moreda Gil agradeceu a Demarcación de Costas a súa colaboración e apoio para facer realidade este proxecto, que levaba paralizado desde o ano 2011 por problemas técnicos e que o seu goberno sacou do caixón no anterior mandato. O Concello de Cedeira encargouse do informe de impacto ambiental e Demarcación de Costas someteuno a exposición pública a finais de 2018 e tramitou a adenda que era necesaria para actualizado e correxir os problemas que se detectaran na redacción orixinal.

FORO PARA A PROMOCIÓN DO EMPRENDEMENTO NOS SECTORES PESQUEIRO E TURÍSTICO DE CEDEIRA

Este mércores 19 de outubro as 18:30 horas, o Concello de Cedeira organiza, na sede da Confraría de Pescadores de Cedeira, un foro para o fomento do emprendemento na vila.

Co proxecto PESCATURACCION promoveuse o nacemento de novas ideas emprendedoras nos sectores do mar, natureza e do turismo, que son clave para o desenvolvemento económico e social da vila.

Con esta xornada quérese incentivar o emprendemento neses sectores clave para Cedeira amosando experiencias exitosas de emprendemento que naceron e se desenvolveron en outros territorios costeiros, e que inspiran o xurdir de novas ideas.

O foro diríxese ás empresas e traballadores e traballadoras dos sectores do turismo (empresas de actividades, informadores turísticos, restaurantes, aloxamentos e outros) e da pesca (pescaderías, armadores, comercializadores e outros), así como a calquera persoa de Cedeira que teña en mente emprender ou diversificar o seu negocio.

Contarase nesta xornada coa presencia de empresas galegas que operan en pobos e vilas con características similares a Cedeira e que son consideradas boa práctica por apostar pola transformación de produtos pesqueiros ou por diversificar coa súa actividade o sector pesqueiro-marisqueiro. Así participarán e contarán o seu caso de emprendemento empresas como Algas La Patrona, de Cambados; o restaurante Amaragotas, de Mugardos, e o parque de aventura Naturmaz, de Mazaricos.

As empresas convidadas expoñerán o seu caso de éxito emprendedor e boa práctica empresarial, contarán aos asistentes como foron os seus inicios, que lles animou a poñer en marcha a empresa, a innovación da súa idea e o punto onde se atopan nestes intres.

No foro tamén se presentará a marca territorial da vila da man do Alcalde de Cedeira Pablo Moreda e o plan de acción e mellora para o sector pesqueiro e turístico de Cedeira.

A xornada rematará cunha degustación de produtos locais procedentes do mar.

Para asistir ao foro é necesario inscribirse chamando ou enviando un WhatsApp ao teléfono 664 53 82 15.

PESCATURACCION é un proxecto subvencionado cunha axuda do GALP A MariñaOrtegal, Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

DOUS DOS OFICIOS MARIÑEIROS CON MAIOR TRADICIÓN NA VILA ENCÁRGANSE DE PÓR EN VALOR A SÚA PROFESIÓN E TERRITORIO

Nos últimos días presentáronse as dúas rutas mariñeiras recollidas dentro das actividades do proxecto Cedeira Mariñeira. Esta iniciativa trata de valorizar e promover a actividade mariñeira e a súa historia a través de dous percorridos polo territorio: unha ruta urbana e unha ruta litoral (que ofrece dúas alternativas). A través destas rutas trabállase na visibilidade do patrimonio e cultura mariñeira, das súas profesións e dos enclaves máis destacados deste prodixioso litoral. Ademais do itinerario propio, as rutas contarán con información sobre os puntos a visitar, audios en tres idiomas (galego, español e inglés) para facer os contidos accesibles e unha pequena videotestemuña coa que coñecer un pouco máis sobre a memoria do mar a través dos seus protagonistas.

Na ruta urbana protagonizan a videotestemuña Teresa e Pilar, dúas das redeiras de Cedeira que levan dedicada toda a súa vida a este oficio. Escoitándoas, pódese coñecer como era o seu traballo cando empezaron e como foi evolucionando co paso do tempo ata a actualidade, variando a actividade no porto e os seus espazos. A súa profesión é un dos eixes claves do sector pesqueiro, sen elas, a pesca artesanal característica da vila non podería levarse a cabo e sería imposible degustar os produtos tan característicos deste costa, como a pescada ou o peixe sapo.

A videotestemuña da ruta litoral polos altos da Capelada está protagonizada por Tomi e Bruno, dous dos famosos percebelleiros de Cedeira. Dúas xeracións que levan a cabo día a día un oficio tradicional e de gran identidade nesta vila mariñeira. A través do seu relato pódese experimentar como é o día a día dun percebelleiro e as tarefas que van realizando; no transcurso súmanse outros protagonistas do colectivo que van aportando os seus coñecementos sobre a profesión, o litoral e o mar.

Estas actividades forman parte das acción recollidas no proxecto denominado como “Definición, deseño e implementación de rutas tematizadas para a promoción do patrimonio mariñeiro do concello de Cedeira. CEDEIRA MARIÑEIRA”. Esta iniciativa é promovida polo Concello de Cedeira e conta co apoio económico do GALP A Mariña-Ortegal e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

As rutas e as videotestemuñas están colgadas na páxina de Turismo do Concello de Cedeira: http://turismo.cedeira.gal/cedeira-a-pe/cedeira-marineira/