Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

“CEDEIRA MAR”, UNHA OPORTUNIDADE PARA A SENSIBILIZACIÓN DE ESCOLARES SOBRE A RIQUEZA DO MUNDO MARIÑO E A POTENCIALIDADE DA PESCA

O proxecto “Valorización da actividade pesqueira e marisqueira e dos seus espazos extractivos no litoral de Cedeira. Cedeira mar” está promovido polo Concello de Cedeira e proponse realizar accións de sensibilización dirixidas a diferentes públicos (escolares e público en xeral) e visibilizar a actividade extractiva no municipio mediante dispositivos informativos sobre os sistemas de extracción artesanal e a biodiversidade no litoral, ademais da gran variedade de produtos mariños (percebe, coquina, longueirón, ameixa, berberecho, ostra rizada…).

CEDEIRA MAR está apoiada pola Confraría de Pescadores de Cedeira e os dous centros educativos emprazados en Cedeira: o CEIP Nicolás del Río e o IES Punta Candieira. Estas tres organizacións son colaboradoras habituais do Concello de Cedeira en distintas programacións relacionadas coa materia do medio mariño, como son os proxectos GALP (Cedeixura, Pescaturacción, Emprende Pesca) ou os programas de sensibilización sobre a recollida de lixo mariño.

Para lograr os seus obxectivos, CEDEIRA MAR ten previsto o inicio das seguintes actividades durante este mes de decembro de 2021:

  • A creación da imaxe do proxecto para a difusión de valores da sustentabilidade e as potencialidades do sector do mar, así como a xeración dun banco de fotografías para a difusión do proxecto.
  • O deseño e implantación de paneis didácticos e a organización de exposicións co ánimo de chegar a diversos públicos, descentralizando a actividade no propio territorio (centros educativos e sociais).

Durante a anualidade de 2022 CEDEIRA MAR continuará con outras actuacións no territorio local:

  • Obradoiros de sensibilización dirixidos a escolares do municipio para divulgar ante o alumnado a riqueza paisaxística litoral e a identidade do municipio ligada ao sector pesqueiro e mariñeiro. Con estas sesións perséguese a dignificación do labor desempeñado polas xentes do mar e o seu papel no coidado do medio, facendo especial alusión aos métodos de extracción sustentables no seo da pesca de baixura (volanta, nasa) e do marisqueo artesanal (anciño, rasqueta, fouciña etc.)
  • Programa de rutas no litoral, enxalzando o papel do marisqueo e outros oficios do mar durante o relato do propio itinerario. Esta actividade responde á necesidade de dar a coñecer ante o público xeral o rol que desempeñan os distintos oficios na cadea de valor e na formación da identidade da localidade, constituíndo unha parte moi relevante da economía local. Ademais, coas visitas a puntos clave do territorio, amosaranse os atributos diferenciais do municipio, gozando deles dende a propia costa e dende puntos clave (miradoiros, cantís etc.), destacando a fisionomía da vila e a súa historia.

O proxecto foi financiado polo GALP por un importe de 79.396,16 € e rematará en setembro de 2022.

“CEDEIRA MARIÑEIRA”, NOVAS RUTAS QUE RECOLLEN O SABER MARIÑEIRO E VALORIZAN O PATRIMONIO LITORAL

O proxecto “Definición, deseño e implementación de rutas tematizadas para a promoción do patrimonio mariñeiro do Concello de Cedeira. Cedeira mariñeira” está promovido polo Concello de Cedeira e proponse promover a oferta de experiencias e actividades que poñan en valor o medio ambiente e o patrimonio ligado ao mar (patrimonio material, arquitectónico, natural e patrimonio inmaterial). Conta coa colaboración do “Club Candieira”, unha entidade local moi proactiva na execución de rutas de valorización do patrimonio nesta zona e que abre a posibilidade de acceder a diversos públicos, deportistas e persoas usuarias de sendas no litoral e na serra, tecer redes con outras entidades deportivas a nivel galego e lograr unha maior difusión dos recursos patrimoniais de Cedeira.

Certamente, o propósito último de CEDEIRA MARIÑEIRA é o de concienciar sobre a necesidade da preservación da contorna natural e patrimonial, así como o recoñecemento dos oficios do mar (armadores, redeiras, mariscadoras, percebeiros, comercializadoras etc.) e a calidade diferencial dos produtos pesqueiros e marisqueiros do territorio.

Así, con este fin, analizarase o territorio localizando as eivas dos potenciais itinerarios e os puntos de interese claves para o deseño de rutas transitables, a pé e en bicicleta, que incorporen a diferenciación dunha visita experiencial ligada á riqueza dos oficios e do patrimonio litoral.

No deseño das rutas farase especial fincapé nos atributos icónicos da paisaxe de Cedeira (Cantís de Herbeira, Ruta dos Miradoiros de San Fiz de Esteiro, Robaleira, Punta Sarridal, Santo Antonio de Corveiro, Punta Candieira, Chao do Monte, dos Carrís, Cruceiro de Teixidelo e Miradoiro de Herbeira), nos areais, e na fisionomía da vila, coas súas construcións mariñeiras, buscando complicidades coa veciñanza á hora de rememorar lendas, anécdotas e achegar datos históricos ou o propio peso do sector pesqueiro na configuración da vila e dos seus costumes.

Os contidos xerados para as rutas estarán dispoñibles na web de turismo do Concello (textos, audios, fotografía actual, perfil de Wikiloc…). Ademais, estará dispoñible material divulgativo en papel, co obxectivo de chegar a diversos públicos, alén de nas redes sociais e nos medios tecnolóxicos.

O proxecto ten un custo total que ascende a 44.528,00 € e rematará en outubro de 2022. Durante este mes de decembro de 2021 comezarán os traballos de investigación e traballo de campo para unha análise estratéxica de produto e de público obxectivo, elaborando unha listaxe de equipamentos clave a nivel patrimonial para xeolocalizar os puntos estrela mínimos a incorporar no proxecto. Neste estudo detallaranse os itinerarios-marco no territorio susceptibles de transmitir unha serie de elementos de gran relevancia (especies, sustentabilidade, patrimonio natural, historia do pobo mariñeiro) e analizarase, ademais, o perfil do público para as rutas en función de distintos intereses (deportistas, turismo familiar, gastronómico etc.)

O AUDITORIO ACOLLE O DOMINGO O CONCERTO LÍRICO CANTOS DE AMOR, SOBRE VERSOS DE NEIRA VILAS

Cantos de amor é o título do concerto lírico que programou o Concello de Cedeira para este domingo, día 5, no Auditorio Municipal, no marco das iniciativas promovidas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. O espectáculo, previsto para as 19.30 horas, está construído sobre os versos que escribiu o poeta Xosé Neira Vilas a principios do ano 2014, ex profeso para este espectáculo, musicados por algúns dos máis destacados compositores galegos: Octavio Vázquez, Fernando Buíde, Rubén Vizcaíno, Rubén Someso, Eduardo Soutullo e Juan Durán.

A soprano Victoria Álvarez Acón interpretará as dez cancións que compoñen este concerto, acompañada ao piano por Vicente Castro Alonso. Xunto coas pezas de Neira Vilas, na actuación interpretaranse tamén catro pezas máis con versos de Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Antonio Noriega Varela. O espectáculo afonda, desde un punto de vista contemporáneo, na tradición das cantigas de amor medievais.