Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

MÚSICA DE TUNA E TEATRO EN RECORDO DE FUSA GUILLÉN, CITAS PARA ESTA FIN DE SEMANA EN CEDEIRA

A axenda cultural para esta fin de semana en Cedeira ofrece música e teatro. O Auditorio Municipal acollerá este sábado, ás 20.00 horas, a actuación do grupo Troyanos de Compostela, unha formación con preto de dez anos de vida adicada a divulgar a música que ofrecía a Tuna Compostelá a finais do século XIX, a época na que se desenvolve a novela “La Casa de la Troya”. Para o domingo ás 19.00 horas programouse a función inaugural do primeiro ciclo de teatro afeccionado “Fusa Guillén”. O Catre Teatro interpretará “Fatum”.

O repertorio que Troyanos de Compostela ofrece nos seus concertos é unha viaxe musical no tempo ata a vida estudantil da Compostela de finais do século XIX. A agrupación naceu no ano 2013 e presentouse ao público en 2015 no marco da conmemoración da edición da novela “La Casa de la Troya” de Alejandro Pérez Lugín. O grupo está integrado en gran medida por antigos tunos e entre os seus obxectivos están os de investigar, promover e divulgar a música para instrumentos de pulso e púa que se tocaba na época da novela. Ao longo do seu recital, os diferentes temas son introducidos por historias e anécdotas relacionadas coa vida na cidade de Santiago naquela época e coa relación que o autor do libro mantiña con persoeiros como Rosalía de Castro, Castelao, Curros Enriquez ou o Maestro Chané.

Fusa Guillén foi unha muller que deixou unha fonda pegada en Cedeira. A escritora, activista cultura e dramaturga desempeñou un importante papel na recuperación do Samaín e no impulso á cultura, particularmente ao teatro, na vila. O seu falecemento no ano 2020 foi moi sentido na localidade, onde xa se fixeron diferentes actos de recordo e homenaxe. Desta volta, o Concello de Cedeira convocou un concurso de teatro amador que ten a súa consecuencia directa na celebración, a partir deste domingo, do I Certame de Teatro Afeccionado “Fusa Guillén”.

Ao certame presentáronse cinco compañías e o xurado seleccionou tres, que van actuar no Auditorio de Cedeira os días 9, 15 e 22 de outubro. O Catre Teatro abre este domingo o ciclo, ás 19.00 horas, coa obra “Fatum”. A peza está dirixida por Agustín Bolaños e constitúe un debate sobre a historia da humanidade. A vida é un conxunto de accións fortuítas, casuais e ao azar ou está rexida por un destino inmutable e xa escrito?

A entrada será libre ata completar aforo, o mesmo que nas seguintes funcións. Carrachanacacha representará o sábado 15, ás 20.00 horas, a obra “A pena do cu do mundo” e a ASC Muíño do Vento interpretará o 22, tamén ás 10.00 horas, a peza “Unha obra para un barrio”.

DOUS DOS OFICIOS MARIÑEIROS CON MAIOR TRADICIÓN NA VILA ENCÁRGANSE DE PÓR EN VALOR A SÚA PROFESIÓN E TERRITORIO

Nos últimos días presentáronse as dúas rutas mariñeiras recollidas dentro das actividades do proxecto Cedeira Mariñeira. Esta iniciativa trata de valorizar e promover a actividade mariñeira e a súa historia a través de dous percorridos polo territorio: unha ruta urbana e unha ruta litoral (que ofrece dúas alternativas). A través destas rutas trabállase na visibilidade do patrimonio e cultura mariñeira, das súas profesións e dos enclaves máis destacados deste prodixioso litoral. Ademais do itinerario propio, as rutas contarán con información sobre os puntos a visitar, audios en tres idiomas (galego, español e inglés) para facer os contidos accesibles e unha pequena videotestemuña coa que coñecer un pouco máis sobre a memoria do mar a través dos seus protagonistas.

Na ruta urbana protagonizan a videotestemuña Teresa e Pilar, dúas das redeiras de Cedeira que levan dedicada toda a súa vida a este oficio. Escoitándoas, pódese coñecer como era o seu traballo cando empezaron e como foi evolucionando co paso do tempo ata a actualidade, variando a actividade no porto e os seus espazos. A súa profesión é un dos eixes claves do sector pesqueiro, sen elas, a pesca artesanal característica da vila non podería levarse a cabo e sería imposible degustar os produtos tan característicos deste costa, como a pescada ou o peixe sapo.

A videotestemuña da ruta litoral polos altos da Capelada está protagonizada por Tomi e Bruno, dous dos famosos percebelleiros de Cedeira. Dúas xeracións que levan a cabo día a día un oficio tradicional e de gran identidade nesta vila mariñeira. A través do seu relato pódese experimentar como é o día a día dun percebelleiro e as tarefas que van realizando; no transcurso súmanse outros protagonistas do colectivo que van aportando os seus coñecementos sobre a profesión, o litoral e o mar.

Estas actividades forman parte das acción recollidas no proxecto denominado como “Definición, deseño e implementación de rutas tematizadas para a promoción do patrimonio mariñeiro do concello de Cedeira. CEDEIRA MARIÑEIRA”. Esta iniciativa é promovida polo Concello de Cedeira e conta co apoio económico do GALP A Mariña-Ortegal e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

As rutas e as videotestemuñas están colgadas na páxina de Turismo do Concello de Cedeira: http://turismo.cedeira.gal/cedeira-a-pe/cedeira-marineira/

ABERTO PRAZO DE PREINSCRICIÓN NOS CURSOS OFERTADOS DESDE A CONCELLERÍA DE CULTURA PARA O PERÍODO 2022/23

As persoas interesadas en apuntarse nalgunha destas actividades poden facer a súa preinscrición (até o martes 11 de outubro) na Oficina de Turismo (Palacete municipal), ou ben a través do correo electrónico cursosculturacedeira@gmail.com

Descricións dos cursos:

Obradoiro de Manualidades
Imparte Fernando Villoslada
Contido: Traballo en arcilla, xeso, elaboración de moldes, restauración e decoración
Temporalización: 4 h semanais
Máximo 10 persoas
Cuota mensual: 10 €

Obradoiro de Teatro
Imparte Simone Jenkinson
Contido – Formación clásica de actores e enfoque contemporáneo do teatro – Traballo de voz e corpo xunto con técnicas de construcción de personaxe
Lugar: Auditorio Municipal
Grupo 1 – Luns de 17.00 a 18.30 h
Grupo 2 – venres de 17.00 a 18.30 h
Máximo 10 persoas por grupo
Cuota mensual: 10 €

Obradoiro de Debuxo e pintura
Imparte Andrés Urrutia
Contido – Desenvolvemento de facultades e destrezas no debuxo co estudo do espazo, luz, cor…
Temporalización:
San Román – Luns de 10.30 a 12.30 (local social da AVV de San Román)
Cedeira – 4 grupos (Sala Áncora)
Grupo 1 – Martes de 10.30 a 12.30,
Grupo 2 – Mércores de 19.00 a 21.00 h.
Grupo 3 – Xoves de 10.30 a 12.30 h.
Grupo 4 – Xoves de 19.00 h a 21.00 h.
Cervo – Mércores de 16.00 a 18.00 h. (local social da AVV Tarroiba)
Esteiro – Venres de 10.30 a 12.30 (local social da AVV de Esteiro)
Montoxo – Venres de 18.30 a 20.30 h (local social da AVV de Montoxo)
Cuota mensual: 10 €

Tapices artísticos e outras técnicas textiles
Imparte – Javier Rodríguez
Obxectivos – coñecemento do tecido en tear de alto lizo manual, materiais, uso de cores para traducilo ao tapiz
Lugar: Sala Áncora
Grupo 1 – Luns de 10 a 13 h.
Grupo 2 – Luns de 16 a 19 h.
Máximo 15 persoas por grupo
Cuota mensual: 10 €

Obradoiro sensorial – O Cesto dos Tesouros
Imparte: Eva Blanco Damota
Obxectivo: Actividade inaugural do proceso da consecución da autonomía do bebé, explorando o seu contorno dun xeito novo. Pensado para familias con crianzas de 6 a 18 meses
Domingo 16 de outubro– Auditorio Municipal
Grupo 1 – 12.00 h.
Grupo 2 – 13.00 h.
Máximo 10 bebés por grupo
Cuota sesión: 2 €

Obradoiro 5 puntos clave para comer saudable
Imparte: Claudia Pérez Armada
Obxectivos: mellorar coñecementos sobre nutrición, saúde e benestar. Adquirir competencias para poder elexir de xeito adecuado os alimentos. Pensamento crítico e consciente do que comemos. Cociña saúdable
5 sesións semanais – CEIP Nicolás del Río
As sesións desenvolveranse os sábados pola mañá.
Sesión 1: 1,5 h
Sesión 2: 2 h
Sesión 3: 2,5 h
Sesión 4: 3,5 h
Sesión 5: 1,5 h
Máximo 10 persoas por grupo
Custo: 22 € obradoiro completo

Bonificacións:
a. Unha bonificación do 100 por 100 para os membros de unidades familiares nas que os ingresos per cápita non acaden o IPREM. A estes efectos entenderase como unidade familiar a composta por todas as persoas que figuren inscritas na mesma folla padroal.
b. Unha bonificación do 50 por 100 para os membros de familias con título de familia numerosa.
c. Unha bonificación do 50 por 100 para os membros de familias monoparentais, entendendo como tal a definida nos termos do artigo 13 da Lei 3/2011 de 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.
d. Unha bonificación familiar do 25 por 100 aplicable aos casos nos que se inscriban ou participen un mínimo de dous irmáns menores de 18 anos en calquera das actividades ou talleres gravados no presente Texto.
e. Unha bonificación do 100 por 100 para os maiores de 65 anos, que conten cuns rendementos económicos brutos per cápita que non superen o 125% do IPREM vixente no momento de efectuar a solicitude computados anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar.