Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

Os concellos de Ortegal estudan as medidas concretas que sirvan para impulsar o xeoparque

OS CONCELLOS DE ORTEGAL ESTUDAN AS MEDIDAS CONCRETAS QUE SIRVAN PARA IMPULSAR O XEOPARQUE

Os alcaldes de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Valdoviño e San Sadurniño reuníronse o pasado xoves na Casa do Concello deste último concello para abordar o proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal e, máis concretamente, a fórmula colaborativa que se encargará de poñer en marcha o plan director e iniciar a tramitación da candidatura.

A Deputación da Coruña mostrou o seu interese en implicarse economicamente no proxecto e, neste sentido, dentro duns días celebrarase un novo encontro entre cargos políticos dos sete Concellos promotores (tamén está Ortigueira) e do ente provincial coa asistencia de persoal técnico. A finalidade desta reunión será darlle o impulso definitivo ao proxecto co obxectivo de iniciar en xaneiro o proceso de recoñecemento ante o Comité Español de Xeoparques como paso previo á verificación por parte da Unesco.

Segundo comentaron os rexedores municipais á saída da reunión, case con total seguridade optarase a construír unha entidade integrada polos municipios e fiscalizada pola Deputación. Por outra banda, tamén se prevé sinalizar as zonas e rutas de maior interese, ademais de levar adiante intervencións que axuden a facer do proxecto o que é noutros lugares: un atractivo turístico para o público xeral e especializado, así como conformar un factor de dinamización socioeconómica das comunidades onde se asenta.

Por estes motivos, o que máis urxe nestes momentos é a disposición dun plan rector para iniciar a tramitación efectiva da candidatura en xaneiro do próximo ano. A parte de identificación técnica do valor xeolóxico xa está lista, tal e como indican, co traballo levado a cabo polo experto Francisco Canosa e a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal.

Fonte: Diario de Ferrol
Pode consultar a nova na seguinte ligazón:
IR Á LIGAZÓN Os concellos de Ortegal estudan as medidas concretas que sirvan para impulsar o xeoparque

 

O taller de debuxo e pintura volve reunir este ano a 75 persoas que axudan a crear afección pola arte da representación gráfica

O TALLER DE DEBUXO E PINTURA VOLVE REUNIR ESTE ANO A 75 PERSOAS QUE AXUDAN A CREAR AFECCIÓN POLA ARTE DA REPRESENTACIÓN GRÁFICA

A vila de Cedeira pode presumir da súa afección á pintura, unha sona que ven de lonxe e que, en certo modo, está relacionada coas clases de debuxo e pintura que desde hai máis de vinte anos imparte Andrés Urrutia a nenos e adultos. Arredor dunhas 75 persoas toman parte nunha actividade promovida polo Concello que arrincaba o pasado mércores e que terá continuidade ao longo de todo o curso. Este ano as clases no colexio Nicolás del Río serán os venres, entre as catro e as seis da tarde. Hai máis dun grupo nesta actividade extraescolar. A idade dos alumnos oscila entre os catro e dez anos, en xeral. A inscrición se pode levar a cabo na mesma secretaría do centro.

O maior número de alumnos é o que acude de luns a xoves ao edificio municipal situado a carón da escola infantil, tamén coñecido como a sindical. Neste caso, as clases as hai tanto en horario de mañá como de tarde e a reserva de praza se pode levar a cabo a través do número de teléfono 650610 358.

O taller de debuxo e pintura tamén abre a posibilidade de participar a persoas que vivan fóra da vila. Así será este ano no caso dos veciños de Santalla e Montoxo. En Santalla as clases serán o mércores pola tarde e na parroquia de Montoxo, tamén pola tarde, pero os venres.

Andrés Urrutia considera que a afección que existe non é a que había cando el empezou a impartir clases, e que segue a medrar na medida en que a xente que participa pode ver ata onde pode chegar a súa creatividade.

Entrevista ao xeólogo Francisco Canosa e á Tenente de alcalde María Xosé Rodriguez

ENTREVISTA AO XEÓLOGO FRANCISCO CANOSA E Á TENENTE DE ALCALDE MARÍA XOSÉ RODRIGUEZ

Na seguinte ligazón pode escoitar a entrevista que a periodista Patricia Hermida lles fixo a Francisco Canosa (xeólogo) e María Xosé Rodríguez Pérez (Tenente de alcalde) e na que se abordou tanto o balance das xeorutas desenvoltas no Concello como o asunto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

IR Á LIGAZÓN Escoitar entevista a F. Canosa e M. X. Rodríguez