Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés

DICIONARIO DE ALIMENTACIÓN E RESTAURACIÓN GALEGO-CASTELÁN-INGLÉS

Na liña da campaña “Ole que arrecende, sabe que esmecha”, o Servizo de Normalización do Concello de Cedeira quere dar a coñecer o Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés, coordinado polo eminente filólogo Manuel González e publicado pola Xunta de Galicia. Trátase dunha recompilación de termos da linguaxe gastronómica e culinaria. Ademais das denominacións galegas e os seus significados, ofrece as equivalencias en español e inglés, así como o nome científico de moitas especies animais e vexetais, para que a identificación dos produtos sexa sempre a correcta. É, xa que logo, unha ferramenta de grande utilidade para facilitar a comunicación nun sector clave, como é o da restauración. Pero non serve só para quen traballa en hostalería, este dicionario pode resolver as dúbidas de calquera mente curiosa que queira saber, por exemplo, os diferentes nomes dados á carioca en español ou como se di maragota en inglés.

Descarga gratis a versión en pdf do Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés:

VER PDF Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés

Cedeira invita á veciñanza a participar este sábado no acto de rexeitamento contra a violencia machista

CEDEIRA INVITA Á VECIÑANZA A PARTICIPAR ESTE SÁBADO NO ACTO DE REXEITAMENTO CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

O goberno de Cedeira invita a toda a veciñanza a sumarse ao acto de rexeitamento da violencia machista que o sábado, no Día Internacional de Elimina­ción da Violencia contra a Muller, terá lugar ás doce do mediodía diante do Concello. O acto dará lugar á lectura dun manifesto contra os actos violentos que están a acabar coa vida de mulleres e nenos -este ano xa foron asasinadas 45 mulleres e oito menores- e un pouco de música como remate final.

A Escola de Teatro de Narón actuará o sábado 25 no auditorio

A ESCOLA DE TEATRO DE NARÓN ACTUARÁ O SÁBADO 25 NO AUDITORIO

A Asociación de Maiores de Cedeira organiza para este sábado unha representación teatral. A función correrá a cargo da Escola de Teatro do Concello de Narón e a obra a representar leva por título “Será por camiños”.

O auditorio municipal acollerá a posta en escena dunha peza que levará ao espectador ata o século XIII para contar unha historia vencellada ao camiño de Santo André. Renata de Castro é unha das protagonistas, xunto con Gaspar, un xograr, que coma ela estaba a vivir no mosteiro do Couto e con quen decide fuxir para evitar un matrimonio de conveniencia. Trátase dunha obra escrita por José Prieto e Manuel Areoso. Os actores actuarán baixo a dirección de Celia González.

O Concello de Cedeira, a Deputación da Coruña e o Teatro da Vila colaboran na celebración dun acto que dará comezo ás seis e media da tarde.