Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

A compañía BOABAD teatro levará este sábado ao auditorio de Cedeira o seu último espectáculo “PUM PUM”

A COMPAÑÍA BOABAD TEATRO LEVARÁ ESTE SÁBADO AO AUDITORIO DE CEDEIRA O SEU ÚLTIMO ESPECTÁCULO “PUM PUM”

A compañía Boabab Teatro representará este sábado no auditorio de Cedeira a obra “Pum Pum”, “unha pieza teatral acolledora, chea de tenrura e moita maxia”.

A función dará comezo ás sete da tarde. Todo o espectáculo é con música orixinal interpretada en directo. A dirección corre a cargo de Óscar Ferreira, o guión é de Andrea Bayer que, xunto ao actor Davide González, tamén se subirá ao escenario para representar unha peza na que se fala de historias cotiás que lles pasan aos nenos e nenas.

Esta actividade obedece ao acordo asinado polo Concello de Cedeira coa Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para a promoción da cultura galega.

Cedeira volve a mirada cara a Cuba

CEDEIRA VOLVE A MIRADA CARA A CUBA

Vinte e cinco veciños parten hoxe cara á Habana, nunha viaxe organizada polo colectivo de Piñeiro en agradecemento aos fundadores da casa escola, en 1927.

En 1921 constituíuse a Asociación Fillos do Concello de Cedeira na Habana, co obxectivo de «fomentar a instrución entre os habitantes de Cedeira e a cultura entre os seus asociados», segundo recollen os estatutos. Seis anos despois, a sociedade fundou casa escola de Piñeiro, nesta parroquia cedeirense, grazas a «a un préstamo de cen pesos, como mínimo por un ano e sen intereses», por parte de Manuel Rodríguez, vicepresidente da entidade, como recordaba Antonio Rei Caruncho, Tas, directivo da Asociación Veciños de de Piñeiro, nos actos conmemorativos do 90 aniversario do centro educativo.

A escola formou a varias xeracións, desde 1927 ata 1974, cando o ensino se aglutinou no CEIP Nicolás del Río; e desde entón ata 1987, como sede da sección do Instituto Politécnico de Formación Profesional Marqués de Suanzes (Ferrol). Hoxe parten cara á illa caribeña 25 cedeirenses, nunha viaxe de sete días organizado polo colectivo veciñal de Piñeiro para coñecer a algún dos descendentes dos fundadores de cásaa escola. «Aquela asociación formada por emigrantes galegos mandou diñeiro para a construción do edificio e agora a nosa levaralles medicamentos, roupa ou artigos de aseo persoal [doados por familiares daqueles emigrantes e por cubanos que residen na zona], ademais dun ordenador [o equipo do que dispoñen non funciona], comprado con fondos propios, e unha placa conmemorativa», explica Fina Nebril, secretaria da organización. «Tamén imos convidar aos membros da directiva a unha comida de confraternidade, porque alí temos todos familiares, na considerada como a terceira cidade galega, o cemiterio de Cristóbal Colón», apunta Tas, que participará na expedición. Tamén lles entregarán unha placa encargada polo Concello de Cedeira para render tributo aos promotores da vella casa escola.

«Fixéronnos unha escola preciosa, que aínda está en activo [como sede desta e outras entidades], e nunca se lles fixo un acto de agradecemento», lamenta Tas. Esta viaxe servirá para resarcirlles, dalgún modo, polos anos de silencio. «Foi xestionado con moita ilusión, porque sempre tivemos empeño en homenaxear aos emigrantes do noso concello, que tan ben acollidos foron polo pobo cubano, e que apostaron pola educación como base para facer medrar ás persoas e ás nacións», remarca Nebril. A Asociación de Fillos do Concello de Cedeira na Habana, que preside Olivia Menéndez, está «moi agradecida» por unha colaboración que non esperaba. Entre outros lugares, visitarán o complexo cultural Alicia Alonso, antigo Centro Galego.

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Cedeira volve a mirada cara a Cuba

 

Cedeira recupera ao fin a estación de buses, que será centro de lecer xuvenil

CEDEIRA RECUPERA AO FIN A ESTACIÓN DE BUSES, QUE SERÁ CENTRO DE LECER XUVENIL

O Concello dedicará máis de 25.000 euros a acondicionar e equipar este espazo.

O edificio da estación de autobuses de Cedeira, que leva anos abandonado, converterase en breve nun centro de lecer xuvenil. O Concello conseguiu ao fin a reversión do inmoble por parte da Dirección Xeral de Mobilidade, un proceso que era automático, ao non esgotarse o prazo de 30 anos desde que se formalizou a cesión, pero cuxa tramitación se demorou. «Non existe inconveniente en que o Concello utilice o ben para ese destino, sempre e cando quede garantido o mantemento do espazo do punto de parada de autobuses actual», segundo precisan desde Patrimonio.

«Estamos cos trámites para cederlles o aparcamento e contamos que o novo centro estea en funcionamento no verán», avanzou o alcalde, Pablo Moreda. O proxecto redactouse hai meses, cun custo de 25.000 euros, que agora podería incrementarse «porque hai que repoñer unha porta que rompeu», explica. O Concello acondicionará e equipará o local, que contará con sala de billar e futbolíns, pantallas de televisión «e distintas zonas de xogo, buscando un equilibrio entre distintas idades».

O centro está pensado para mozos de 12 a 18 anos e abrirá os fins de semana e os festivos, e as tardes dos días lectivos, aínda que o horario está por determinar. «A necesidade converteuse en demanda porque non hai oferta noutro lugar. Teremos que contratar unha persoa para que o xestione», abunda Moreda.

Fonte: La Voz de Galicia

Pode consultar a nova na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Cedeira recupera ao fin a estación de buses, que será centro de lecer xuvenil