Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

Arrinca a festa do percebe co certame de pesca infantil organizado polo Concello

ARRINCA A FESTA DO PERCEBE CO CERTAME DE PESCA INFANTIL ORGANIZADO POLO CONCELLO

Mañá é a primeira das duas xornadas que a vila de Cedeira dedica a exaltar o seu percebe, un produto do que se esperan repartir 800 racións e cuxo prezo oscilará entre 10 e 12 euros, segundo os organizadores. O Concello colabora na celebración do programa, cuxo peso principal recae na Confraría de Pescadores da localidade.

As celebracións, que nos últimos días xa se deixaron sentir con obradoiros infantís e visitas guiadas, terán hoxe o seu punto de partida cunha nova edición dunha xornada de pesca que, a partir das cinco, dará comezo no porto pesqueiro e da que serán protagonistas os nenos que desexen participar. A inscrición é gratuíta e todos os participantes recibirán un diploma. O Concello está ao fronte da organización do certame.

Os días grandes da festa arrincarán ás 11.30 horas de mañá sábado coa apertura dos postos de venta, que estarán abertos ata as sete da tarde e nos que os visitantes poderán adquirir racións de percebes, empanada e polbo. Ademais, o Museo Mares de Cedeira acollerá, ás 12.00 horas, unha xornada que leva por título “Mariscadoras e marisco. A nasa do polbo” e, a partir das 14.00 horas, a charanga Mekanika animará o encontro con pezas populares. Despois das 17.30 horas xa poderá ser utilizado polos nenos o parque de inchables que estará na praia de Area Longa.

Ao día seguinte practicamente repetirase o programa en canto á apertura dos postos de venda e á xornada sobre as nasas do polbo no museo, mentres que a actuación musical correrá a cargo da banda Vila de Cedeira.

Como na pasada edición, a organización ten contratado un tren turístico para trasladar aos visitantes desde a praza de Galicia ata o recinto festivo.

O Goberno local felicita ao museo mares de Cedeira por chegar aos 8.200 visitantes

O GOBERNO LOCAL FELICITA AO MUSEO MARES DE CEDEIRA POR CHEGAR AOS 8.200 VISITANTES

O goberno municipal quere felicitar á Asociación Museo Mares de Cedeira por chegar aos 8.200 visitantes cando se está a cumplir o segundo aniversario da apertura da exposición ao público, o 23 de xullo do ano 2016 coincidindo coa celebración da Festa do Percebe. Este balance podería superar as 9.000 persoas se ás que pagaron entrada se lles suman as visitas institucionais e as dos escolares da localidade.

O éxito do proxecto tamén se pon de manifesto coa contratación, a partir do día 1 de agosto e por espazo de catro meses, dunha persoa que colaborará cos voluntarios da entidade e de Apader na apertura regular das instalacións, situadas nos baixos da Confraría de Percadores e que abren ao público de martes a domingo en horario de 10.30 a 13.30 e de 17.30 a 19.30 horas. A Asociación financiará a que será a súa primeira contratación laboral con cargo a unha axuda concedida pola Deputación da Coruña.

O prezo da entrada segue a ser dun euro e as persoas e grupos que desexen visitar o museo dunha maneira máis personalizada tamén teñen a posibilidade de concertar unha cita a través da páxina web (www.maresdecedira.es).

Cedeira recibiu aos navegantes da travesía Sail The Way no seu paso a Compostela

CEDEIRA RECIBIU AOS NAVEGANTES DA TRAVESÍA SAIL THE WAY NO SEU PASO A COMPOSTELA

O goberno municipal quere que “Cedeira sexa unha referencia do Camiño de Santiago”, segundo dixo onte o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, durante a visita á localidade dos tripulantes da travesía Sail The Way (Navegar polo camiño). Un total de 25 barcos -4 franceses e 21nacionais- están a tomar parte nesta navegación, que levará aos seus participantes a conseguir a “compostela” despois de cubrir a distancia de 400 millas náuticas que existe entre Hondarribia e Muros. Desde esta última poboación os navegantes viaxarán en bus e a pé ata a cidade do Apóstolo.

Durante o seu primeiro día de estancia en Cedeira, os viaxeiros coñeceron o castelo da Concepción, visitaron ao xacemento de Punta Sarridal, degustaron os produtos gastronómicos máis característicos da localidade, tomaron parte do ritual da queimada e viron, ao final da tarde, como a alcalde lles cuñaba a acreditación do seu paso polo muncipio.

Antes da partida, prevista para esta mañá, os participantes viaxaron ata San Andrés de Teixido e admiraron algúns dos cantís máis altos da europa continental.

A travesía Sail The Way está organizada por Northmariñas e patrocinada polos gobernos locais e autonómicos de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia, ademais de algunhas empresas. A saída tivo lugar o día 14 de xullo e finalizará o día 29 coa chegada dos participantes a Santiago despois de ter recalado en 11 portos e facer unha ruta a pé duns dez quilómetros.