Cedeira recibiu aos navegantes da travesía Sail The Way no seu paso a Compostela
CEDEIRA RECIBIU AOS NAVEGANTES DA TRAVESÍA SAIL THE WAY NO SEU PASO A COMPOSTELA
O goberno municipal quere que “Cedeira sexa unha referencia do Camiño de Santiago”, segundo dixo onte o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, durante a visita á localidade dos tripulantes da travesía Sail The Way (Navegar polo camiño). Un total de 25 barcos -4 franceses e 21nacionais- están a tomar parte nesta navegación, que levará aos seus participantes a conseguir a “compostela” despois de cubrir a distancia de 400 millas náuticas que existe entre Hondarribia e Muros. Desde esta última poboación os navegantes viaxarán en bus e a pé ata a cidade do Apóstolo.
Durante o seu primeiro día de estancia en Cedeira, os viaxeiros coñeceron o castelo da Concepción, visitaron ao xacemento de Punta Sarridal, degustaron os produtos gastronómicos máis característicos da localidade, tomaron parte do ritual da queimada e viron, ao final da tarde, como a alcalde lles cuñaba a acreditación do seu paso polo muncipio.
Antes da partida, prevista para esta mañá, os participantes viaxaron ata San Andrés de Teixido e admiraron algúns dos cantís máis altos da europa continental.
A travesía Sail The Way está organizada por Northmariñas e patrocinada polos gobernos locais e autonómicos de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia, ademais de algunhas empresas. A saída tivo lugar o día 14 de xullo e finalizará o día 29 coa chegada dos participantes a Santiago despois de ter recalado en 11 portos e facer unha ruta a pé duns dez quilómetros.