Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

A cronoloxía da sauna castrexa de Cedeira remóntase ao século III antes de Cristo

Cedeira acolle o monumento con forno -pedra formosa- máis antigo de Galicia. A proba do Carbono 14, á que foron sometidos restos de carbón recollido durante a última escavación, sitúano no século III a.C., en torno ao ano 2.250, unha data cunha marxe de erro de máis menos 30 anos.

A cronoloxía agora corroborada pola empresa Beta Analytic, con sede en Londres pero cos laboratorios en Estados Unidos, vén demostrar a orixe castrexa do monumento, polo que tamén pecha definitivamente o debate sobre a posible influencia romana na realización destas construcións, das que en Galicia existen un total de cinco. A última precisamente foi a localizada pola empresa Axa Arqueoloxía, da que forma parte Emilio Ramil, durante a campaña levada a cabo en decembro do 2017.

Ramil apuntou que a proba do Carbono 14 non deixa lugar a dúbidas. “A sauna de vapor estaba en funcionamento antes da chegada dos romanos a Galicia, polo que a súa construción aínda será anterior”, explicou. Asegurou así mesmo que “Patrimonio e máis eu estamos moi entusiasmados co resultado da mostra dos restos de carbón que no seu día serviron de combustión para quentar as pedras do monumento”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez, explicou que nunca existiu ningún tipo de dúbidas con respecto á importancia do xacemento de Punta Sarridal, “un potencial que agora vese recompensado e confirmado por unha proba científica de moi alto nivel, polo que considero necesario seguir investindo para ampliar a investigación e os coñecementos que poida seguir arroxando este xacemento arqueolóxico”, asegurou.

No mes de xullo deste mesmo ano concluía a terceira intervención arqueolóxica levada a cabo nesa zona do termo municipal de Cedeira, a primeira financiada exclusivamente con achega local. O investimento ascendeu a 12.000 euros e os traballos realizados tiñan como obxectivo a consolidación dos elementos ata o de agora localizados. Anteriormente e con financiamento directo de Patrimonio, o lugar acolleu outras dúas campañas arqueolóxicas.

 

A lápida de Porto Dapena xa ten a placa de fillo adoptivo

Onte quedou instalada na lápida de Álvaro Porto Dapena a placa de Fillo Adoptivo que o goberno de Cedeira entregou o sábado día 17 á súa viúva, María del Carmen Pita Freire, no transcurso dun acto institucional.

A instalación da mesma correu a cargo do persoal de obras do Concello e estivo supervisada pola concelleira de Cultura, María Xosé Rodríguez Pérez. Álvaro Porto Dapena, catedrático de Filoloxía e membro da Real Academia Española por Galicia, finou o día 6 de outubro e está enterrado no cemiterio municipal de Cedeira pola estreita vinculación que tiña coa localidade e a súa veciñanza.

Cedeira organiza para este sábado o acto de entrega do título de fillo adoptivo á viúva de Porto Dapena

O Concello de Cedeira está a organizar para o próximo sábado (día 17) o acto de recoñecemento e admiración ao Fillo Adoptivo da vila Álvaro Porto Dapena coa entrega do título a súa viúva, María del Carmen Pita Freire.

O goberno municipal invita á veciñanza a secundar coa súa presencia unha convocatoria que dará comezo ás 12.00 horas e que terá lugar no salón de plenos do Concello. Trátase dunha cita aberta ao conxunto da cidadanía.

O Concello xa ten confirmada a presenza no acto –que estará presidido polo alcalde, Pablo Moreda Gil, e máis pola corporación municipal– da viúva do homenaxeado e do vicedecano da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, Félix Córdoba Rodríguez, así como de moitas das amizades do ámbito académico e persoal que tiña o homenaxeado.

O acto dará lugar á lectura de fragmentos dos textos que Porto Dapena xa tiña preparados cara á celebración do seu nomeamento e que agora o Concello vén de editar nun número reducido de 150 exemplares. Trátase dunha análise lingüística da advocación da Virxe do Mar, patroa da vila mariñeira coa que Álvaro Porto tiña especial vinculación aínda que era nado en Narón.

A homenaxe tamén incluirá a entrega dunha placa de Fillo Adoptivo á súa viuva. Posteriormente quedará instalada na lápida tras a que reposan os restos de Álvaro Porto Dapena. O acto retamará coa interpretación de pezas da música clásica a cargo de membros da banda Vila de Cedeira.

O catedrático José Álvaro Porto Dapena foi nomeado Fillo Adoptivo por unanimidade da corporación municipal no pleno que celebrou na mañá do día 5 de outubro. O seu dilatado currículo académico e a súa elección vital de residir en Cedeira así como a súa afabilidade e a súa boa disposición á hora de colaborar con entidades ou persoas en diferentes eventos socioculturais foron algúns dos argumentos que xustificaron o nomeamento.

José Álvaro Porto Dapena, nado na parroquia de San Xiao (Narón) en 1940 era filólogo e profesor universitario galego, ademais de membro da Real Academia Española de la Lengua. Licenciouse en 1967 en Filoloxía Románica, acadando o doutoramento na Universidad Complutense de Madrid en 1972, onde traballou como docente ata 1997, ano no que se trasladou a Galicia para facerse cargo da cátedra de Lengua Española da Universidade da Coruña.

Tamén traballou no Seminario de Lexicografía da Real Academia Española colaborando na elaboración do seu Diccionario Histórico e no Diccionario de construcción y régimen de R. J. Cuervo, onde redactou a meirande parte do tomo III. Participou con outros autores e dirixiu o “Diccionario Coruña de la lengua española actual: planta y muestra”. Era un bo coñecedor do galego -lingua á que tamén dedica algúns traballos, entre outros o estudo toponímico sobre o concello de Cedeira e colaborador habitual do Diario de Ferrol, onde escribía todos os domingos un espazo titulado “Con nome propio” no que trata, preferentemente, a toponimia da comarca de Ferrol.