Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CULTURA

O goberno de Cedeira mostra o seu pesar pola morte repentina de Vicente Álvarez Areces

O GOBERNO DE CEDEIRA MOSTRA O SEU PESAR POLA MORTE REPENTINA DE VICENTE ÁLVAREZ ARECES

O equipo de goberno de Cedeira quere sumarse ás mostras de condolencia e pesar que, desde todos os ámbitos da vida pública e social de España, estanse a dar pola repentina morte de Vicente Álvarez Areces, exalcalde de Xixón, expresidente do Principado de Asturias e senador na actualidade.

O executivo local recorda especialmente o compromiso de Álvarez Areces coa recuperación da memoria histórica, que se materializou no ano 2010, ao contar coa súa presenza no acto inauguración do monumento ás vítimas do campo de concentración que houbo na vila tras a guerra civil e no que estiveron presos moitos asturianos.

O goberno cedeirense destaca así mesmo a súa valía como persoa comprometida coa democracia e a liberdade e a súa capacidade para transformar a sociedade desde a política, polo que se asegura que “o seu recordo sempre estará no noso corazón”.

O número 12 do boletín “As7parroquias” xa está na rúa con temas de actualidade e interese social

O NÚMERO 12 DO BOLETÍN “AS7PARROQUIAS” XA ESTÁ NA RÚA CON TEMAS DE ACTUALIDADE E DE INTERESE SOCIAL

O Concello de Cedeira xa está a repartir entre a veciñanza o número 12 do boletín “As7parroquias”, unha publicación editada polo goberno municipal para acercar a actividade municipal aos veciños e veciñas da localidade.

Neste último exemplar do boletín, que está na rúa desde o ano 2016, os lectores poden atopar temas de moita actualidade como a campaña de recollida de firmas en demanda da construción dun centro de día ou a datación do monumento con forno que sitúa ao xacemento de Campo do Castro no século III a.C. Noutras páxinas, a publicación aborda novidades de interese social, entre os que cabe destacar a compra de camas xeriátricas para cedelas gratuitamente ás persoas que as poidan necesitar e o plan que o goberno local está a levar a cabo coa intención de recuperar elementos da arquitectura popular como poden ser os lavadoiros e as fontes públicas.

A través do boletín a veciñanza tamén pode estar ao día dos proxectos que aínda están por vir dentro do presente mandato. A realización do estudio de impacto ambiental para evitar a deterioración que está a sufrir a praia da Madalena e o proxecto de rehabilitación da antiga cetaria do Sarridal están entre os máis importantes. Aínda que o lugar máis destacado deste número está reservado á concesión do título de fillo predilecto a Álvaro Porto Dapena, un recoñecemento que ocupa o principal oco da portada e mesmo da páxina 5.

Pode descargar o boletín na seguinte ligazón:

IR Á LIGAZÓN Boletín “As7parroquias” nº 12

A compañía Boabab Teatro abrirá este sábado o ciclo de teatro familiar coa obra “Luppo”

A COMPAÑÍA BOABAB TEATRO ABRIRÁ ESTE SÁBADO O CICLO DE TEATRO FAMILIAR COA OBRA “LUPPO”

O auditorio municipal de Cedeira abrirá este sábado, día 12, as súas portas a unha nova edición do ciclo de Teatro Familiar. A programación arrinca coa posta en escena da obra “Luppo” a cargo da compañía Baobab Teatro. A función dará comezo ás 18.00 horas.

Trátase dun espectáculo no que se fala do ciclo da vida, do apego ás persoas máis próximas e da importancia das historias que cada un constrúe ao longo da súa vida. A obra está pensada para nenos e nenas maiores de catro anos e adultos e a súa duración é de 50 minutos.

A programación terá continuidade o día 9 de febreiro, coa obra “Retrete Cabarete”, e o día 16 de marzo coa “Güela Güela”.