AUTÓNOMOS E EMPRESAS PODEN SOLICITAR AS NOVAS AXUDAS-COVID DO CONCELLO ATA O 14 DE AGOSTO
Coa publicación, onte, do estracto das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, ábrese o prazo de solicitude das novas axudas que o goberno local de Cedeira artellou para os autónomos e as empresas afectadas pola crise sanitaria. É un programa especialmente dirixido a aqueles negocios que non puideron acollerse ao PEL Reactiva da Deputación e que completa o que o pasado ano xa dispuxera o Concello. Coa suma dos 70.000€ que se destinan a axudas desta volta, a administración local terá repartido en total máis de 170.000€ para paliar os efectos da pandemia na actividade económica e nos empregos da vila.
Así, ata o día o 14 de agosto poden presentarse as solicitudes destas axudas, que van destinadas a traballadores/as autónomos/as con ou sen empregados e pequenas empresas que teñan en Cedeira o seu domicilio fiscal ou un local de negocio. Quedan excluídas nesta ocasión as empresas que constituíron o obxecto de financiación do programa PEL Reactiva -hostalería e axencias de viaxes-.
As bases establecen axudas de 1.000€ para as persoas autónomas sen traballadores ao seu cargo; de 1.250€ para os autónomos ou empresas con entre un e cinco empregados e de 1.500€ para os autónomos ou empresas con máis de cinco traballadores, respectivamente. Porén, a convocatoria establece que se esgotará o crédito dispoñible, de 70.000€, entre todas as solicitudes que cumpran os requisitos e que, no seu caso, ratearanse os fondos proporcionalmente para garantir que todos reciben unha axuda.
As subvencións servirán para financiar gastos estruturais e de funcionamento correntes vencellados ao mantemento da actividade no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021, ben sexan de aluguer de local ou vehículos de empresa, pago de hipoteca da sede da empresa, dixitalización do negocio, nóminas de traballadores, cotas da Seguridade Social, subministracións de materias primas, servizos profesionais, seguros, facturas de luz, electricidade ou gas, etc.
No ano 2020 o Concello de Cedeira convertiuse no primeiro da zona en artellar con fondos propios un programa de axudas para os negocios locais. Daquela repartíronse 76.750€ entre 112 microempresas e autónomos da localidade. Posteriormente, o PEL Reactiva, financiado nun 80% pola Deputación en no restante 20% polo Concello, inxectou outros 135.324,46€ en 62 negocios.
Pódese descargar os documentos nas seguintes ligazóns: