Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

ADXUDICADAS DÚAS OBRAS DE MELLORA E AMPLIACIÓN NO SANEAMENTO DE CEDEIRA POR VALOR DE 216.000€

O Concello de Cedeira acaba de adxudicar dúas obras de mellora na rede de saneamento por valor de 215.929,16€, ambas as dúas con cargo ao programa provincial POS+2019. Trátase do proxecto para dotar de rede separativa a rúa Estrada e outras, por un lado, e da construción da rede de augas residuais na zona de Vilacacín, por outra. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que é “un novo e importante esforzo no programa de investimentos financeiramente sostibles cos que o goberno local vai ampliando e mellorando o saneamento, para dar un mellor servizo á poboación e garantir tamén o coidado do medio ambiente”.

Nove ofertas presentáronse á primeira destas licitacións, entre as que resultou gañadora a da empresa Excavaciones y Canalizaciones Conde, cun orzamento de 155.939,16€ (IVE incluído). As obras, que teñen un prazo de execución de tres meses, van consistir en dotar de rede de saneamento separativa á rúa Estrada e as vías Valdoviño, San Sadurniño e Travesía da Praia, que cruzan á primeira perpendicularmente. O proxecto abrangue a demolición do colector existente e a construción dunha nova rede con separación de fecais e pluviais.

A segunda actuación recibiu unha decena de propostas. Trátase da extensión da rede pola zona de Vilacacín para dar servizo a 25 vivendas que actualmente carecen de saneamento municipal. Excavaciones Saavedra y López resultou adxudicataria desta licitación, á que concurriron dez empresas, cun presuposto de 59.990€ (IVE incluído). As obras, cun prazo de execución de dous meses, van consistir na colocación dunha tubaxe ao longo duns 640 metros, por viais de titularidade municipal, e a construción de 21 pozos de rexistro.