Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A NOVA PRODUCIÓN DO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO RECALARÁ EN CEDEIRA DO 19 AO 22 DE MAIO

Cedeirá será un dos primeiros municipios na xira que vai iniciar en maio a obra de teatro “As oito da tarde, cando morren as nais”, que este mes se estrea en Santiago de Compostela. Trátase dun texto de AveLina Pérez, premiado co Álvaro Cunqueiro en 2018, no que se explotan as posibilidades do xogo escénico cunha concepción aberta do espazo e unha mirada irónica sobre a relación do teatro e a súa recepción. O Auditorio Municipal acollerá catro funcións do 19 ao 22 de maio, unha delas para o público escolar.

“As oito da tarde, cando morren as nais” é a nova produción do Centro Dramático Galego, a primeira que sae da capital galega este ano. Marta Pazos é a responsable da dirección e a dramaturxia e o elenco está formado por Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado. O público é protagonista nesta montaxe, dirixida a maiores de 12 anos e con intérprete de lingua de signos, audiodescricións e subtítulos en todas as representacións para as persoas con discapacidade auditiva ou visual.

O Concello de Cedeira vai ofrecer unha das funcións ao alummado de ensino medio da localidade, o xoves 19 de maio. As outras serán o venres e o sábado, días 20 e 21, ás 21.00h, e o domingo, día 22, ás 19.00h.