Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A ASOCIACIÓN DE ACORDEÓNS PROMOVE UNHA FESTA DE DEGUSTACIÓN DE EMPANADA PARA ESTE VENRES

A asociación de Acordeóns de Cedeira promove para este venres, día 15, ás 11.30h, a Festa da Empanada. Cinco panaderías da zona participan no evento, que se vai desenvolver na praza Roxa a partir das 11.30h., coa venda a 12 euros de caixas para a degustación de diferentes empanadas e pastelóns. Segundo explicou Tiano Labraña, da entidade organizadora, a finalidade do evento é recadar fondos para financiar alo menos unha parte dunha viaxe musical a Cuba.

A Asociación de Acordeóns de Cedeira conta con arredor dun cento de persoas socias e unha longa e solvente traxectoria de formación e concertos, recoñecida con diferentes premios. A organización deste tipo de eventos permitiulles hai xa tempo financiar parte dunha viaxe a Praga. “A intención é que os menores de 25 anos, que son a maioría, poidan realizar a viaxe de balde”, explicou Tiano Labraña, quen agradeceu a colaboración que fan os establecementos colaboradores: Arribí, Armando, Las Camelias, Prados e Sergio. A degustación prolongarase desde as 11.30h. ata as 14.00h, ou ata agotar as existencias.

O mesmo venres, ás 20.00h, a Sala Áncora acollerá a presentación do cartaz da próxima edición do Festival Discalz@s, un evento que se desenvolve no verán e que está consolidado entre as citas musicais máis senlleiras do panorama musical galego.

Por último, o sábado, día 16, o Auditorio Municipal será o escenario da presentación do libro “Cancionero de Santo André de Teixido”, obra de Xosé Antonio Suárez Aneiros e editado pola asociación Terras do Ortegal. Será ás 19.00h.