Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A FORZA DAS TANXUGUEIRAS PECHOU EN CEDEIRA UNHAS FESTAS DE VERÁN QUE GOZARON DUNHA ALTA PARTICIPACIÓN

Cedeira pechou antonte co concerto de Tanxugueiras unhas festas de verán que gozaron dunha excepcional afluencia e nas que se respirou un ambiente moi positivo pola volta á normalidade despois de dous anos con actos limitados pola pandemia. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, deu as grazas ao pobo polo seu comportamento e destacou que todas as actividades desenvolvéronse sen incidencias, nun ambiente de alegría.

Moreda expresou a satisfacción do goberno local pola volta das festas de verán coa animación de sempre e destacou a alta afluencia que en especial se rexistrou nas noites dos fogos artificiais, o pasado día 15, e no concerto de Tanxugueiras, cando a Praza Roxa e as rúas da contorna estiveron ateigadas de xente da propia vila, veraneantes e visitantes chegados de todas partes. Valorou tamén o alcalde a boa acollida que tivo o Certame de Grupos Locais. “Estamos orgullosos e moi contentos porque moita xente puido descubrir a calidade destas formacións e recibimos moitísimos comentarios positivos”. É unha cita, asegurou o rexedor local, que “chegou para quedar”. O rexedor local recordou que foi espectacular a procesión do día 15, e lamentou que a meteoroloxía impedise a saída da procesión marítima o día 16, ao tempo que agradeceu a implicación da Confraría da Virxe do Mar nestes actos.

O alcalde celebrou tamén o ambiente de ledicia co que se desenvolveu a xira ao monte de San Antón de Corveiro, unha festa moi especial polo seu carácter tradicional e local. Unicamente lamentou que houbera que suspender os concertos da noite do martes, o da Big Band Devils Big Band e o de Broken Peach, debido á tromba de auga que caeu. Para rematar, Moreda Gil expresou o agradecemento do goberno local a Protección Civil, ás asociacións da localidade, aos equipos de limpeza e en xeral a todas as persoas que contribuíron a que todo se desenvolvese correctamente.

Remataron as festas, pero queda verán e actividades festivas na vila. O parque de San Isidro acollerá este sábado, ás 19.30 h, a actuación de Peter Punk e Brais das Hortas, dous artistas que adoitan conquistar ao público pequeno e tamén aos maiores cos seus espectáculos. Desta volta ofrecerán a función “Peter Punk e o neno imperdible”, que xira arredor do que lle pasa a un pallaso cando o seu ego supera o seu propio nariz.

Tamén este sábado pola tarde, o Concello disporá na zona da praia de Area Longa atraccións inchables actuáticas e terrestres e kayaks. As persoas que queiran empregalas só terán que inscribirse alí mesmo, entre as 16.30 e as 19.30 h.

Ao día seguinte, o domingo, o Concello programou xogos con Laser Tag no parque de Floreal. A actividade, que xa se desenvolveu noutras ocasións con moi boa acollida entre a mocedade, é un xogo de estratexia por equipos para o que unicamente haberá que inscribirse alí mesmo, en horario de tarde.

Por outra banda, para este domingo está convocada a cuarta edición da “Cadea Humana” organizada pola Xunta Local da Asociación Española de Loita Contra o Cancro. O acto desenvolverase entre as 20.00 e as 21.00 horas, coa xente participante unida entre as dúas pontes sobre a desembocadura do Condomiñas e cunha solta de pombas ao remate da acción.

O Concello de Cedeira colabora neste acto, dirixido a sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da investigación para mellorar o diagnóstico da enfermidade e a dar un testemuño cercano e esperanzador para as persoas que a sofren. Cómpre recordar que a Xunta Local da AECC recibiu este ano o premio “Muller da Vila” da asociación de mulleres de Cedeira, xa que a entidade ten un perfil eminentemente feminino, en recoñecemento ao seu traballo.