Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

TEIXIDO, FINAL DE ETAPA DO “CAMIÑO GASTRONÓMICO” DE PROMOCIÓN DA RUTA DO MAR E DOS PRODUTOS PESQUEIROS

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e o concelleiro de Cultura e Patrimonio e Deportes, José Antonio Rodríguez Arribe, recibiron onte en Santo André de Teixido ao grupo de persoas da Asociación do Camiño do Mar que están a facer dito itinerario, en sete fins de semana, co obxetivo de promocionar a ruta de peregrinación e tamén o consumo de pescado. É a cuarta edición do chamado “Camiño Gastronómico”, no que as diferentes etapas van seguidas de degustacións. Esta que rematou en Cedeira completouse coa elaboración por parte do chef Suso Villarino dunha Tosta de Pez Espada en escabeche con crema de queso afumado e Fabas IXP de Lourenzá con Potas en Salsa.
A etapa que realizou o grupo este domingo partiu de Cariño ás 09.45h e chegou a Teixido sobre as 13.15h. Os camiñantes asistiron á súa chegada á misa no santuario de Santo André e participaron tamén na posterior procesión. A continuación, a casa de turismo rural de Teixido acolleu a degustación. Desde a Asociación do Camiño do Mar agradeceron a colaboración do Concello de Cedeira co programa, que seguirá en sucesivas fins de semana ata chegar a Neda.

Máis información do Camiño Gastronómico:

https://www.asocaminodelmar.com/acciones/camino-gastron%C3%B3mico