Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MERCEDES PEÓN E MONDRA TOCARÁN A VÉSPERA DA TRADICIONAL XIRA NAS FESTAS DA PATROA DE CEDEIRA

O Concello de Cedeira celebrará do 11 ao 17 de agosto as súas Festas da Patroa cun programa cheo de actividades de lecer e moita música que animará todavía máis o sempre bulideiro verán na localidade e ofrecerá diversión para todos os públicos. No cartel destacan as verbenas, que estarán amenizadas por diferentes orquestras, e o concerto que compartirán Mercedes Peón e Mondra –Martín Mondragón- na noite do 16 de agosto, véspera da tradicional Xira a San Antón de Corveiro.

O pregón das festas, que correrá a cargo de responsables da asociación Apader, abrirá oficialmente o programa o día 11 de agosto, venres, ás 20.00h. O Concello cédelle un ano máis o protagonismo ao tecido asociativo da localidade, neste caso a unha entidade que leva 45 anos de traballo a prol das persoas con discapacidade intelectual. Nesa mesma xornada do 11 de agosto terá lugar, a partir das 17.00h, unha nova edición da carreira popular, un evento deportivo e fundamentalmente lúdico ao que adoitan acudir centos de persoas de todas as idades. Tras o pregón chegará o “Entroido de Verán” á praza Roxa, na que a partir das 22.30h haberá unha festa da escuma amenizada pola disco móvil EME Music.

O 12 de agosto terá lugar a primeira verbena, a cargo da Orquestra Furia Joven. Será a partir das 23.00h na praza Roxa.

A Banda de Gaitas de Ortigueira amenizará ao día seguinte, o 13 de agosto, un pasarrúas e unha sesión vermú na praza Roxa. Pola tarde, a partir das 16.00h, desenvolveranse xogos populares no paseo da Mariña e pola noite, ás 22.30h, comezará unha nova verbena na praza Roxa, desta volta a cargo da orquestra Os Satélites.

Para o 14 de agosto o programa de festas comezará co espectáculo de rúa itinerante “A Danza dos Paxaros”, da compañía Urdime. Os grupos musicais Atenas e Galia amenizarán a noite deste luns, a partir das 22.30h na praza Roxa.

O programa para o festivo do 15 de agosto comezará coa misa cantada pola coral Virxe do Mar e unha sesión vermú na praza Roxa, a partir das 13.00h, a cargo da Banda de Música Vila de Cedeira. Pola tarde, ás 20.00h na praza Floreal, ofrecerase ao público familiar o espectáculo “Glamping” de circo e danza. Desde ese mismo lugar partirá, sobre as 21.00h, un pasarrúas da fanfarria Taquicardia. De novo pola noite haberá verbena, a partir das 22.30h, e no escenario da praza Rosa actuarán a Orquesta Fania Blanco Show e o Grupo Claxxon. O concerto deterase á medianoite para o lanzamento dos tradicionais fogos de artificio.

A misa e a procesión marítima abrirán o programa do día 16 de agosto, a partir das 11.00 horas. Pola tarde, ás 20.00h a praza Floreal volverá a acoller un espectáculo de circo e danza para o público familiar. Trátase de “Kaldi”, producida por Maintomano. A atención volverá á praza Roxa

pola noite, a partir das 23.00 horas. Subirá ao escenario Mercedes Peón, que está de xira co seu espectáculo “Ingrávida”, celebración de dúas décadas de traxectoria musical e repaso dos temas que compuxo para os seus cinco discos. E tamén actuará Mondra –o nome artístico de Martín Mondragón-, un mozo de Teo que se perfila como a nova estrela do “trad”, un xénero musical que bebe da música tradicional galega para convertila nun son actual.

O programa de festas tocará ao seu fin o 17 de agosto coa tradicional Xira en San Antón de Corveiro, unha romería que adoita ten unha afluencia masica da xente de Cedeira, visitantes e veciñanza da contorna. Pola noite, xa de volta á vila, a orquestra Foliada D’ases amenizará a última verbena, ás 22.30h na praza Roxa.