Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA ENCARA OUTRA BULIDEIRA FIN DE SEMANA, COA FESTA DO PERCEBE E OUTRAS MOITAS ACTIVIDADES

O municipio de Cedeira encara unha nova fin de semana chea de actividade. Sen dúbida, a Festa do Percebe que organiza a Confraría de Pescadores da localidade co apoio do Concello vai ser un forte atractivo, que sumado a outras citas musicais e deportivas van levar a miles de persoas ata a localidade entre o venres e o sábado. Así, xunto ao evento gastronómico desenvolverase o festival Discalz@s, o Certame de Bandas de Música, a proba do Circuito Nacional de Volei Praia e a Travesía a Nado Ría de Cedeira.

O mercado determinará máis preto do venres os prezos aos que finalmente se servirán os percebes e o resto das viandas que o público poderá degustar o sábado e o domingo nesta vixésima Festa do Percebe de Cedeira. Como en anos anteriores, a Confraría ten previsto despachar arredor de 500 kilos de percebe e outros tantos de polbo, preparado á feira. Tamén haberá empanadas de berberecho e liscos. Instalarase unha gran carpa no peirao e as racións serviranse ininterrompidamente desde as 12.00 ata as 17.00 horas tanto o sábado como o domingo. Como é tamén habitual haberá unas billeteiras nas que o público poderá retirar os tíckets.

Discalz@s polo Festival e Certame de Bandas
O veterán evento musical Discalz@s polo Festival celebra este sábado unha nova edición na praza do Floreal , con entrada gratuíta. Haberá sesión vermú e actuacións nocturnas, a primeira a partir das 12.45h a cargo de Pastelón de Ferreñas e Quinkillada. Inlogic abrirá os concertos da noite a partir das 22.00h, dando paso despois a Fillas de Cassandra, Familia Caamagno e TanDuB, nunha noite que promete prolongarse máis aló das tres da mañá. O festival misturará un ano máis diferentes estilos e propostas musicais nun ambiente case familiar.

Outra cita coa música de esta fin de semana é o XX Certame de Bandas de Música “Vila de Cedeira”. O evento desenvolverase o domingo, a partir das 18.30h, no parque de Floreal. As bandas de Visantoña (Santiso, A Coruña) e Lourenzá (Lugo) actuarán xunto coa anfitroa, a local Banda “Vila de Cedeira”, de larga traxectoria e calidade recoñecida. As formacións realizarán en primeiro lugar un pequeño desfile pola praza e as actuacións comezarán ás 19.00h.

Voley praia e travesía a nado
O areal da Madalena é desde hai días un espazo de xogo de volei Praia. Así, a pasada fin de semana desenvolvéronse as probas das categorías alevín, infantil e cadete clasificatorias para o Campionato Galego desta disciplina, coa participación de 125 xogadores e xogadoras de toda Galicia. Desde este venres día 4 ata o domingo 6 terá lugar, no mesmo espazo, unha proba de dúas estrelas do Circuíto Nacional e puntuable para o campeonato nacional. Participarán na mesma as 24 mellores parellas femininas e outras tantas masculinas, procedentes de toda España, e as probas garantirán sen dúbida un espectáculo deportivo de gran nivel para o público asistente.

Segundo explicou o concelleiro de Deportes, Suso Romero Carracelas, o Concello de Cedeira mantén un acordo co clube Aldebarán de San Sadurniño para promover o volei praia na localidade. A vila conseguiu entrar no circuito nacional –Cedeira e A Coruña son as únicas localidades en Galicia- e tamén está a desenvolver, no marco de dito acordo, un campus no que están a participar uns 60 rapaces e rapazas ao longo de toda esta semana e a vindeira. Ata o 11 de agosto están, de 09.00 a 13.00 horas, aprendendo e practicando este deporte.

Por outra banda, este domingo, 6 de agosto, a partir das 18.30 horas terá lugar a edición número 25 da Travesía a Nado Ría de Cedeira, na que participarán entre 150 e 200 persoas. Haberá cinco categorías segundo a idade (promesas, benxamíns, alevíns, infantil e absoluta), que farán un percorrido entre 50 e 1500 metros. Nas categorías absolutas os premios serán económicos para as primeiras posicións, e trofeos e medallas nas outras categorías.

As inscricións están abertas ata o mesmo día da proba. O custo é de seis euros, que aumentará a sete a partir do venres. Para anotarse é preciso chamar ou mandar Whatsapp ao 652 21 48 33 e cubrir un formulario. Participarán deportistas de gran relevancia