Veciños, políticos e profesionais da sanidade pública volveron esixir máis persoal para o centro de saúde
VECIÑOS, POLÍTICOS E PROFESIONAIS DA SANIDADE PÚBLICA VOLVERON ESIXIR MÁIS PERSOAL PARA O CENTRO DE SAÚDE
Onte, como xa tiña pasado o día 11 de outubro do ano pasado, a veciñanza de Cedeira, máis os políticos e o persoal do centro de saúde volveron ocupar a rúa Zumalacárregui para denunciar as carencias que afectan ao centro médico e para esixir dos responsables do Sergas que lles dea unha solución. Tamén se atopaban presentes membros da plataforma “PACs en guerra” nunha concentración que arrincou pasadas as 11.30 horas.
O equipo de goberno recordou que o número de médicos pasou de cinco a tres no último mes e que este ano se está a repetir a situación de compartir con Valdoviño a consulta de pediatría, polo que no caso de Cedeira queda reducida a tres horas os martes e xoves.
Esta situación, que tamén está a xerar listas de espera de ata sete días, responde “á política de recortes que se está aplicar desde a Xunta”, e está a afectar tanto aos profesionais da medicina como aos propios usuarios da sanidade, di o goberno local. Ademais de esixir que a sanidade sexa pública, universal e gratuíta, os responsables municipais de Cedeira lembraron aos presentes a importancia de presentar reclamacións, “porque fan forza”, e apuntaron que as urxencias no PAC aumentaron un 40% nos últimos dez anos a pesares da perda de poboación duns 700 veciños no mesmo período de tempo.
Desde a plataforma “PACs en guerra” agradeceuse a resposta da veciñanza porque axuda a “forzar que muden as cousas” e a que os profesionais da saúde pública poidan ter unhas condicións dignas. Neste sentido, apuntouse que o 70% do tempo anual o PAC ten unha cobertura sanitaria de mínimos, un dato que, segundo aos membros da plataforma, foi o que deu lugar á situación vivida hai uns días no Punto de Atención Continuada da Estrada, onde morreu un home. O acto pechou con aplausos e algúns berros esixindo médicos.