UNANIMIDADE DO PLENO DE CEDEIRA A FAVOR DA PROPOSTA DO POS 2021, QUE SUMA PRETO DE 615.000€
Os grupos políticos no Concello aprobaron por unanimidade as propostas para a participación de Cedeira no Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña (POS+2021 e POS+Adicional 2021). En total, o municipio contará con 614.877,16€ procedentes deste programa provincial, dos que 223.539,71€ son para gastos correntes, 53.223,74€ corresponden ao Plan de Aforro e Investimento, uns 202.635,09€ se destinarán a investimentos e unha partida de 135.478€, correspondente ao POS+Adicional, empregarase integramente no financiamento dos gastos sociais.
No capítulo de investimentos, o POS+2021 contempla a realización de tres proxectos cuxo importe suma 238.603€ -aos 202.635,71€ da achega provincial sumará o Concello de Cedeira outros 35.428,31€-. Trátase da “Rehabilitación estrutural do pavimento do anel vermello da Praza Roxa”, valorado en 112.249€; de “Actuacións urxentes de consolidación e reparación da cuberta nos escolares de Saa e Sisalde Maior”, orzamentadas con 74.163€ e da “Conservación do firme da Avenida España e o Camiño Pitilleira”, actuación valorada en 51.649,84€. E tamén dentro do POS+2021 está unha achega de 223.539€ que se destinará a gastos correntes do Concello de Cedeira.
O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, destacou a especial importancia de contar neste momento co POS+Adicional 2021 para financiar os gastos sociais extraordinarios que xerou a pandemia. O Concello contará con 135.478€ do plan provincial para afrontar o reforzo de persoal nesta área e darlle cobertura, cos servizos municipais, ao maior número de persoas que están en situación de vulnerabilidade como consecuencia da crise sanitaria, así como para axudar ás familias cos gastos que conleva o acceso a medios dixitais necesarios para a escolarización, con medidas de conciliación e coa adquisición de medios de prevención da covid.
Xunto cos investimentos referidos, tamén inclúe o goberno local neste marco do Plan Único de Concellos e concretamente no apartado do Plan Complementario, outros dous proxectos que suman 319.896€ e que se executarán con cargo ás baixas das licitacións. Un deles servirá para a mellora das beirarrúas na Avenida España, as rúas Ponte Nova, José Pascual López Cor e Salinas e o Camiño Pitilleira, cun orzamento de 219.932€. O outro é a ampliación do saneamento nas Pontigas, valorado en 99.963€.