Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PLENO EXTRAORDINARIO PARA TRATAR O PROBLEMA DO RECORTE DO PROFESORADO NO IES PUNTA CANDIEIRA

O goberno local de Cedeira vai celebrar este sábado ás doce do mediodía un pleno de carácter extraordinario para debatir a moción presentada conxuntamente polos grupos municipais do PSdeG-PSOE e o BNG sobre a situación do IES Punta Candieira. Ante o inminente comezo do curso escolar, as formación políticas tramitaron dita moción pola vía de urxencia para que o pleno da corporación poida votar e instar á Xunta a “incrementar o número de docentes de acordo ás necesidades do centro”.

A moción expón que a Xunta de Galicia planificou o vindeiro curso cun recorte de 11 profesores no plantel docente do IES Punta Candieira. A situación, que como se recordará motivou xa a dimisión en bloque de todo o equipo docente, “pon en perigo un ciclo formativo e o bacharelato de adultos; diminuirá o horario de profesores de garda, fundamental para atender ao alumnado en caso de ausencias ocasionais do profesorado; vai reducir os períodos de atención da aula de convivencia inclusiva, co cal non se poderán atender os problemas de convivencia nas aulas; impedirá ofertar optativas que en moitos casos son decisivas para que os alumnos e alumnas poidan acceder ás universidades e contribuirá a aumentar a diferencia de oportunidades educativas entre os e as estudantes do rural e as persoas que viven nas cidades”.

O grupo socialista e o BNG argumentan ademais que o instituto local deu mostras do seu dinamismo e da calidade do seu ensino e recordan que nos últimos anos participou en diversos proxectos e concursos nos que acadou premios e excelentes resultados. “É evidente que unha perda tan grande de persoal docente vai supoñer un problema enorme na calidade do ensino”, sinala a moción.

A proposta que se vai someter ao pleno este sábado é instar á Xunta de Galicia a “incrementar o número de docentes de acordo coas necesidades do centro, que permita dar unha atención axeitada ao alumnado de ciclos formativos, bacharelato de adultos, manter a oferta de optativas e cubrir as ausencias de docentes, mantendo suficiente profesorado de apoio para a aula de convivencia, a biblioteca escolar e para as gardas”.

Ao fío do mesmo tema, cómpre apuntar que para mañá xoves, día 1, está convocada unha xuntanza no propio IES Punta Candieira, ás 20.30 horas, baixo o lema “non aos recortes”.