Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Pablo Moreda propuxo a Fabiola García a sinatura dun convenio para construír o centro de día

A conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, visitou onte a vila de Cedeira para comprobar o resultado da obra de ampliación da escola infantil, un proxecto financiado entre a Xunta de Galicia e o Concello no que foron investidos un total de 141.000 euros. García Martínez estivo acompañada do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez.

O alcalde, Pablo Moreda Gil -acompañado polos concelleiros de Turismo, Carmela Prieto Cal; de Facenda e Servizos Económicos, Ocio e Tempo Libre, Manuel Martínez López, e de Cultura, Ermitas García- recibiu na escola infantil a titular de Política Social coa que, posteriormente, percorreu unhas instalacións nas que a diario acollen 49 nenos e nenas e ás que no mes de febreiro se incorporarán oito máis. O número de traballadoras ascende a 12.

Pablo Moreda aproveitou este encontro coa titular da Consellería de Política Social para darlle a coñecer o proxecto de nova construción dun centro de día que“cubra as necesidades dos veciños e veciñas de máis idade”, segundo apuntou o rexedor municipal.

Trátase dunha iniciativa que o goberno de Cedeira proxecta para acoller entre 25 ou 30 dependentes nun edificio dunha única planta situado nunha parcela municipal localizada na zona da antiga estación de autobuses. Dúas salas de rehabilitación, unha cociña, un almacén e un gran salón comedor son algúns servizos que incluirá o centro de día, que o goberno municipal considera prioritario para atender os 120 dependentes que existen en Cedeira e os doutros municipios limítrofes.

O alcalde falou da posibilidade de asumir unha parte da realización da obra, para o que propuxo a firma dun convenio, e tamén de buscar outras posibles axudas supramunicipais para garantir a execución dun proxecto que no seu día suscitou a recollida masiva de sinaturas, foron máis de 2.500, e para o que existe unha total unanimidade por parte de todas as formas políticas representadas na corporación. De feito, o goberno ten previsto invitar o resto dos grupos a participar na realización da proposta que no seu momento será remitida á Xunta de Galicia.

Pablo Moreda, que invitou a Fabiola García a asinar no libro de ouro do Concello, agradeceu a súa presenza no municipio e acordou con ela seguir en contacto para ver de que xeito se pode levar a cabo a realización do centro de día, para o que a conselleira de Política Social tamén se mostrou partidaria de buscar a colaboración económica da Deputación da Coruña.