O SÁBADO COMEZA O PRIMEIRO CONCURSO DE TAPAS DE OUTONO NA VILA DE CEDEIRA

O concurso de Tapas de Outono organizado polo Concello de Cedeira para a próxima fin de semana dará comezo este sábado (día 27) nos 16 locais que tomarán parte nesta primeira edición do certame. Tanto o sábado como o domingo, as tapas só se poderán consumir como aperitivo ás horas do mediodía.

Ao prezo de 1,5 euros por unidade, veciños e visitantes terán a posibilidade de degustar os primeiros sabores de outono en pequenas doses, ademais de participar nun sorteo dunha cea para dúas persoas no caso de reunir os cinco selos esixidos para asinar a tarxeta de votación que estará en todos os negocios participantes. Estes son: Restaurante Brisa, T. Praza do Peixe, mesón San Antón, mesón JoJó, mesón Marieta, restaurante Vila Vella, mesón A ría, mesón A Balandra, cervecería Rosi, mesón O Amanexo, pizzería Sheriff, cafetería Auditorio, O Mesón, bar California, mesón Alitas e bar O Marisco.

Promocionar a hostalería local e fomentar a gastronomía da zona son dous dos motivos que levaron ao goberno de Cedeira a promover a celebración dun concurso para o que é obrigatorio facer uso de produtos de tempada e presentar unha tapa feita expresamente para o certame. O executivo local invita á veciñanza a secundar a iniciativa visitando este sábado e domingo o maior número de locais posible.