Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O PARÓN DA PANDEMIA IMPULSA A DEMANDA DOS TALLERES DE ESTIMULACIÓN COGNITIVA DE AFAL EN CEDEIRA

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Cedeira, Malena Pérez Villar, informou do considerable aumento da demanda que experimentaron os talleres de estimulacion cognitiva que desenvolve AFAL Ferrolterra na vila e quixo expresar a satisfacción do equipo de goberno polos beneficios que, segundo expresaron recentemente as propias familias, ditas terapias producen nos usuarios. A edil recordou que o Concello colabora desde hai cinco anos coa entidade para a atención a persoas enfermas de Alzheimer e outras demencias e felicitou á asociación e ao seu persoal pola profesionalidade e o cariño co que fan o seu traballo.

“As familias asistiron o ano pasado a unha importante aceleración do deterioro, como consecuencia do confinamento pola pandemia, -comentou a concelleira-; por iso foi tan importante a volta das terapias, coas que, segundo nos contan, están apreciando melloría día a día”. Xunto con isto, a edil destacou que a asistencia aos talleres tamén proporcionan un respiro moi importante para as persoas coidadoras. A colaboración entre o Concello de Cedeira e AFAL Ferrolterra permite ofrecer catro horas de atención gratuíta cada semana, repartidas en dúas sesións semanais de dúas horas cada unha. Porén, despois da suspensión temporal dos talleres que impuxo a pandemia, as familias solicitaron máis horas de talleres, de maneira que a asociación está a impartilos agora todos os días, de luns a venres.

Malena Pérez explicou que nestes momentos hai un total de dez persoas usuarias, con idades comprendidas entre os 60 e os 80 anos, que participan nos talleres. Subliñou que hai prazas dispoñibles e que desde Servizos Sociais, ademais de sufragar os talleres durante dous días cada semana, están a tramitarse as axudas doutras administracións para facilitar ás familias o pago do resto dos días. As actividades desenvólvense no terceiro andar do Auditorio Municipal.

Os talleres de estimulación cognitiva de AFAL teñen como prioridade frear o deterioro que sofre a persoa afectada, pero, máis alá diso, tamén se consegue nalgúns casos recuperar tarefas que xa se tiñan abandonado. O traballo das dúas terapeutas de AFAL que atenden os talleres desenvólvese en grupo pero cunha atención individualizada. A orientación espacial e temporal, a psicomotricidade, a atención, a linguaxe ou o cálculo son cuestións sobre as que se exercitan os usuarios.