Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O grupo Teatro Semente inaugura este sábado en Cedeira o Ciclo de Teatro Amador

O GRUPO TEATRO SEMENTE INAUGURA ESTE SÁBADO EN CEDEIRA O CICLO DE TEATRO AMADOR

O grupo Teatro Semente inaugurará este sábado en Cedeira o Ciclo de Teatro Amador que, organizado pola agrupación local Teatro da Vila, conta coa colaboración do Concello, da Deputación e da AVV de Piñeiro para promocionar a cultura a través das artes escénicas da man de actores non profesionais. Nesta ocasión, Teatro Semente representará a obra Falsas denuncias.

O auditorio municipal acollerá unha actividade que dará comezo ás 20.00 horas e que está recomendada para maiores de 16 anos. O custo da entrada é de 2 euros.

“Falsas denuncias” aborda o problema social da violencia de xénero. Escrita e dirixida por Carlos Basoa, a peza dá lugar á intervención dun grupo de vítimas doutros tempos que reflexionan sobre o pasado, o presente e o futuro da muller. Da xustiza, os métodos e os veredictos, tamén se fala nunha obra que se estreou o día 25 de novembro do ano 2017.