O CONCELLO PROXECTA RECUPERAR DOUS LAVADOIROS SITUADOS EN MONTOXO E PIÑEIRO
O Concello de Cedeira vén de presentar unha solicitude ao programa de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos, da Xunta de Galicia, coa finalidade de impulsar a recuperación de dous lavadoiros situados nas parroquias de San Xulián de Montoxo e San Cosme de Piñeiro. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que a execución deste proxecto ten un orzamento de 27.511,93€ e que a subvención solicitada cubriría o 70%. “Temos o empeño de seguir adiante co noso programa de recuperación de fontes e lavadoiros, elementos singulares da nosa arquitectura aos que está ligada a historia cotiá dos nosos veciños e veciñas”, comentou o rexedor local.
Neste caso trátase de rehabilitar e acondicionar o lavadoiro de Penela, no lugar de Muruxás (San Xulián de Montoxo), e o do Peneiro, no Beco (San Cosme de Piñeiro). Ambas as dúas estruturas son de formigón e están moi deterioradas, incluso con danos que cómpre corrixir para garantir a seguridade das persoas usuarias.
Os traballos, nos dous casos, van consistir na limpeza da vexetación e os paramentos, pavimentos e os propios lavadoiros, que presentan fendas e outros desperfectos. O lavadoiro do Peneiro ten unha cuberta de placas de fibrocemento, que se vai cubrir con tella do país, mentres que o do Peneiro ten un teito de formigón e lousa moi deteriorado que vai ser preciso picar para ver o estado da armadura para sustituila ou reparala. A obra incluirá tamén nas dúas fontes o cambio dos caños e a renovación dos morteiros, así como a colocación dun chapado de pedras irregulares do país no conxunto de Muruxás.
Estas dúas novas fontes rehabilitadas sumaranse ás da Barca, das Saíñas, Fernando Lago, do Areal, de Vilar e de Vila do Río, que tamén foron xa recuperadas nos últimos anos polo goberno local. Todas tiñan en común o abandono no que caeran nas últimas décadas, ainda que algunha seguía a ser utilizadas pola veciñanza. É o caso do lavadoiro da Penela, un elemento que ten a día de hoxe moita importancia na vida veciñal da parroquia de San Xulián de Montoxo.