Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA CONVOCA DE NOVO AS AXUDAS PARA COMISIÓN DE FESTAS PARROQUIAIS

O Concello de Cedeira acaba de convocar as subvencións destinadas ás comisión de festas parroquiais, unha liña de axudas que decaeu nos últimos dous anos pola pandemia e que volve para respaldar aos veciños e veciñas que poñen o seu traballo desinteresado para promover este tipo de festexos. O extracto das bases saíu publicado onte no Boletín Oficial da Provincia, co que se abre un prazo de 15 días para presentar as solicitudes.

O Concello de Cedeira destinou 4.000€ a esta convocatoria de axudas. Os fondos repartiranse a partes iguais entre todas as solicitudes que cumpran cos requisitos establecidos nas bases. As actividades festivas terán que desenvolverse antes do 30 de novembro deste ano e xustificarse antes de marzo de 2023. A subvención poderá cubrir ata o 100% do gasto e será compatible con outras axudas, sempre que a súa totalidade non supere o custo das actividades desenvolvidas.