Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA ADXUDICA 36.000€ EN AXUDAS A SEIS ENTIDADES DEPORTIVAS DA VILA

A Xunta de Goberno de Cedeira acaba de aprobar a concesión das subvencións para clubes e entidades deportivas da vila, ás que o o Concello reservou de novo este ano 36.000€ dos orzamentos municipais. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, informou de que seis sociedades van beneficiarse da convocatoria e adiantou que partida destinada a estas axudas se incrementará o vindeiro ano. Porén, o responsable puxo en valor a atención permanente e a colaboración que o goberno local mantén cos clubs e asociacións deportivas, sinalando que no presente exercicio xa se destinaron preto de 94.063,31€ a diferentes obras menores de mellora das instalacións deportivas.

A convocatoria de axudas para clubes deportivos repartiu 30.000€ no apartado de actividades -para sufragar todo tipo de gastos de funcionamento das entidades, desde desprazamentos, trofeos ou arbitraxes ata seguros ou as facturas da luz e a auga- entre os seguintes clubs: Discalzas SD (obtén 4.584,71€), o Cedeira SD (5.801,06€), o Natación Cedeira (6.689,93€), o Cedeira Tenis Club (5.613,93€), o Club de Buceo Cedeira (1.790€) e o Club de Remo (5.520,36€).

No outro apartado, que está destinado ao investimento en materiais inventariables e dotado con 6.000€, reciben axudas o Natación Cedeira (1.400€), o Club de Remo (2.169,83€), o Cedeira SD (2.280,17€) e o Buceo Cedeira (150€). Tamén neste caso, o reparto esgotou os fondos.

A convocatoria resolveuse polo procedemento de concorrencia competitiva, tendo en conta un baremo que avalía, entre outras cuestións, a particicipación feminina, a organización de competicións, a antigüidade do club, o número de deportistas federados, o número de técnicos, o menor importe da cuota mensual e o uso da lingua galega, entre outras cousas. Este ano, por primeira vez, tamén puntuou o emprego da imaxe do Concello e do proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal na vestimenta, indicando as bases que para o ano que vén será obrigatoria esta condición para aquelas entidades que renoven este equipamento.

Investimentos

Ao fío da resolución destas axudas, o alcalde informou tamén de diferentes obras menores que o Concello de Cedeira ten acometido no que vai deste ano para mellorar e ampliar as instalacións e equipamentos deportivos municipais. Así, o Concello instalou no campo de fúltbol do Beco 150 novos asentos con respaldo, por valor de 4.218,91€, e un novo marcador dixital, por 4.139,71€. Tamén se dotou ao mesmo campo dunha rede parabalóns, cun investimento de 14.962,26€, e se habilitou unha parcela municipal nas súas inmediacións para seren empregada como pista deportiva, invertindo 22.403,15€ na cimentación, 13.965€ na estructura metálida e con lonas e vidros e 5.455€ no céspede. Executouse tamén unha cuberta para a entrada ás pistas de pádel, por 11.659,58.

Este verán, o Concello gastou outros 2.100€ a diferentes dotacións para a práctica deportiva na praia, concretamente unhas porterías para fútbol praia, un xogo de redes de voley e un xogo de petanca. Xunto con estas actuacións, o Concello colabora ao longo do ano con moitos eventos deportivos, como foi o caso do Duatlon Menores Concello de Cedeira, no que a institución local custeou a ambulancia, o avituallamento e a cronometraxe da proba con uns 2.000€, además de achegar o apoio do persoal municipal.

A todas estas actuacións vai sumarse en breve un investimento de máis de 187.000€ para cambiar todo o chan de madeira do Polideportivo Municipal, na pista de xogo e zonas adxacentes, e para instalar un novo marcador dixital. Esta ambiciosa actuación acometerase a través dun convenio de colaboración establecido polo Concello de Cedeira e a Deputación da Coruña, segundo o cal a administración local asumirá o 20% e a provincial o 80% da mesma. Segundo informou o alcalde, a execución deste proxecto vai saír a licitación en breve.