O CONCELLO CONTRATA POR 207.697 EUROS A OBRA DE ACCESIBILIDADE DA BIBLIOTECA MUNICIPAL

O Concello de Cedeira vén de contratar a obra de accesibilidade da biblioteca municipal, unha intervención orzamentada en case 250.000 euros e adxudicada por 207.697,26 á empresa Prace, Servicios y Obras SA. O prazo de execución dos traballos é de seis meses.

O equipo de goberno recoñece que se trata dun dos proxectos de maior transcendencia social dos que se están a levar a cabo dentro do presente mandato, por canto consiste na mellora da comunicación tanto interior como exterior dunhas instalacións que deben ser accesibles a todo o mundo.

Así, o proxecto previsto consiste no aproveitamento dunha vivenda, adquirida no seu día polo Concello, para a realización dun novo edificio de comunicación vertical, e na reforma da planta baixa -agora ocupada polo Xulgado de Paz- co fin de incrementar as actuais dimensións da biblioteca, cuxo primixenia edificación foi construída no ano 1790 e acolleu a sede consistorial. Esta reforma dará lugar a un novo acceso peatonal desde a rúa Consistorio, á habilitación dunha sala de estudo e á creación dun acceso en cada planta coa instalación e posta en funcionamento dun ascensor.

A obra tamén inclúe a mellora do alumado existente coa colocación de luminarias tipo led, tanto no teito como nos postos de lectura, así como a colocación de novas estanterías e a reparación das actuais. Levarase a cabo así mesmo a instalación dun sistema contra incendios e a construción dun aseo para persoas con discapacidade na primeira planta.

Limpeza do Condomiñas
Despois das realizadas nos últimos catro meses, o Concello de Cedeira, xunto á Asociación de Amigos dos Ríos, convoca para este domingo, día 8 de outubro, unha nova campaña de retirada de refugallos do leito do río Condomiñas. Así, como en anteriores ocasións, o punto limpo será o lugar de encontro para todas aquelas persoas que desexen colaborar.

A actividade levarase a cabo entre as 11.00 e as 14.00 horas. O Concello porá a disposición dos participantes os contedores e bolsas, mentras que eles terán que levar botas e guantes. O Concello anima á participación dos veciños.