Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO CONCEDE PRETO DE 9.500€ EN AXUDAS PARA ACTIVIDADES E INVESTIMENTOS DAS ASOCIACIÓNS LOCAIS

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou a concesión das subvencións deste ano 2020 para investimentos, por un lado, e para programas e actividades das asociacións do eido sociocultural da vila, por outro. Son dúas convocatorias diferentes que se traducen este ano en axudas por valor de preto de 9.500€ cuxa finalidade é, segundo recordou o alcalde, Pablo Diego Moreda, apoiar ao tecido asociativo do municipio e facilitarlle a realización das súas iniciativas, que contribúen a dinamizar e enriquecer a vida social e cultural de Cedeira.

A convocatoria tivo nesta ocasión menos solicitudes do habitual debido ás circunstancias da crise sanitaria. Desde o goberno local, o alcalde expresou a súa confianza en que o ano que vén as asociacións locais van superar as dificultades e voltarán de novo a desenvolver as súas propostas. “Porque todas son moi importantes para o enriquecemento da vida cultural e social en Cedeira e presisamos de todas elas”, subliñou, desexando que a convocatoria de axudas acade de novo a demanda habitual.

Ambas as dúas convocatorias fixéronse en réxime de concorrencia competitiva. No caso da adicada ao desenvolvemento de programas e actividades, o Concello vai repartir 8.149,63€ entre as catro asociacións solicitantes e as contías concedidas vanlles cubrir entre o 60 e o 80% dos gastos previstos. Así, a Rondalla de Cedeira contará cunha axuda municipal de 1.282,72€ para desenvolver un programa de actividades valorado en 2.082,72€; a asociación de veciños Cervo Tarroiba e a sociedade artística Eixil obteñen, cada unha, 2.400€ para senllos gastos de 3.000€ e a asociación de Patchwork de Cedeira recibirá 2.100€ para un gasto de 3.000€.

Na convocatoria de subvencións para investimentos, o Concello concede dúas axudas de 480€ para senllos orzamentos de 600€ tanto da asociación de veciños Cervo Tarroiba como da sociedade artística Eixil, así como unha terceira axuda de 360€ para a asociación cultural da Terceira Idade Aturuxeiras, que prevé empregar 450€. Neste caso, todas as entidades solicitantes obtiveron o 80% do investimento a realizar.