Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ASINOU UN NOVO CONVENIO DE COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN ARCE

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e o presidente da asociación ARCE, José Camilo Casal García, asinaron un novo convenio de colaboración dirixido a apoiar as actividades de conservación e recuperación dos ríos que desenvolve a entidade. O rexedor local agradeceu a implicación e o dinamismo desta entidade, que ten participado moi activamente na mellora da situación medioambiental do Condomiñas e outros cauces fluviais no municipio, e animouna a continuar traballando nesta liña.

O convenio contempla unha aportación de 4.000€ neste ano 2020 para sufragar gastos das actividades da Asociación dos Ríos de Cedeira (ARCE). Concretamente, o Concello apoia á entidade na organización e desenvolvemento de obradoiros sobre o ciclo do auga, nas actividades de roza e limpeza dos ríos, na formación de voluntariado ambiental e na celebración das marchas a pé polas beiras dos cauces fluviais.

Moreda Gil recordou que a asociación ARCE naceu hai relativamente pouco, no ano 2017, pero destacou que as súas propostas deixaron xa unha importante pegada en Cedeira e contribuiron, sen dúbida, a concienciar á cidadanía sobre a necesidade de cuidar os seus ríos.

A entidade, que fai periódicas medicións da calidade da auga, acompañou ao goberno local na súa demanda de que se fixera unha limpeza no río Condomiñas, que este ano executou Augas de Galicia, e colabora tamén con él na preparación de próximas intervencións. Así, se está a redactar un informe sobre a situación do cauce fluvial nun tramo de cinco quilómetros curso arriba desde a ponte da Acea que dará paso á súa recuperación.