Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO E ARCE PROMOVEN O AFORRO DE ENERXÍA NUN CALENDARIO PARA 2021 CON DEBUXOS DE LEANDRO LAMAS

O Concello e a Asociación dos Ríos de Cedeira (ARCE) promoven a sensibilización da veciñanza sobre o aforro de enerxía coa edición dun calendario con ilustracións do artista Leandro Lamas e información sobre fórmulas sinxelas para facer un consumo consciente e sostible na vivenda, no transporte e na escola. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, explicou que “é un traballo que está a ter moi boa acollida, co que queremos chegar especialmente aos máis pequenos, para que entendan a importancia de facer un uso responsable dos recursos e coidar o planeta”.

Imprimíronse -con papel reciclado e nos talleres da asociación Apader de Cedeira- 600 exemplares do almanaque, que está a disposición da veciñanza no Concello e que se vai distribuír ás familias a través dos nenos e as nenas do CEIP Nicolás do Río. Esta mesma mañá, o concelleiro de Facenda, Manuel Martínez, entregou os exemplares á directora do colexio, Marta Cameselle.

“Aforrando enerxía” é a mensaxe que abre o calendario, cuxas follas están adicadas a describir o modelo actual, baseado nas enerxías non renovables e depredador dos recursos naturais, e a defender un modelo sostible, apoiado nas renovables, inesgotables e autóctonas, así como na eficiencia, na reciclaxe, na innovación… “A mellor enerxía de todas é a que non se consome”, recorda.

O almanaque detense particularmente nos eidos da vivenda, o transporte e a escola, informando da importancia que ten o consumo de enerxía en cada un deles e aportando medidas concretas, que están na man de todos e todas, para minimizalo. Así, por exemplo, indícase no capítulo de aillamento das casas que as fugas por teito e ventás representan ata un 50% do gasto enerxético, e recoméndase non escatimar nos materiais da envolvente, evitar as correntes de aire…A climatización, o alumeado, o consumo de auga, o uso do coche… son outras cuestións sobre as que o Concello de Cedeira e ARCE chaman á reflexión coa axuda do prestixioso artista Leandro Lamas, cuxos debuxos reflicten un mundo máis colorido e limpo.