Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ADXUDICA POR 57.656€ A REFORMA DA EDAR DE SAN ROMÁN, COA QUE ALCANZARÁ O RENDEMENTO ÓPTIMO

O Concello de Cedeira acaba de resolver a adxudicación da obra de reforma e adecuación da EDAR de San Román, licitación á que concurriron tres empresas. O contrato establécese por 57.656,50€ (IVE incluído) e o prazo de execución é de tres meses. A estación depuradora construiuse no ano 2011 e comezou a funcionar de maneira precaria, de maneira que as obras que se van acometer agora son as precisas e esenciais para subsanar as súas deficiencias técnicas e alcanzar o rendemento de depuración para o que foi deseñada.

O Concello de Cedeira afronta a actuación con financiación do POS+2023 da Deputación da Coruña. Entre outras tarefas, o proxecto abrangue a substitución de pezas oxidadas por outras novas de aceiro inoxidable, a limpeza de pozos, o cambio de bombas, a adecuación da maquinaria para que no futuro se poidan realizar os ciclos de mantemento sen parar a instalación, a posta en marcha dun sistema de control e alarmas, un novo cadro eléctrico…

A EDAR de San Román foi deseñada para depurar un caudal diario de ata 150 metros cúbicos, dando servizo a unha poboación de 500 habitantes.