Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ACOMETERÁ A MELLORA DE MÁIS DE 1,2KM DE BEIRARRÚAS CON CARGO AO POS+ADICIONAL

O goberno local aprobou no último pleno a proposta para investir os fondos procedentes do POS+Adicional por maior achega da Deputación no proxecto de “Mellora das beirarrúas na Avenida de España, as rúas Ponte Nova, José Pascual Lopez Cor, Salinas e Camiño de Pitilleira”. Segundo informa o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, o Concello de Cedeira conta cun orzamento de 241.926,09€ deste plan provincial, dotado cos fondos procedentes das baixas nas adxudicacións, e o devandito proxecto está presupuestado en 219.932,78. Así, aínda quedarán preto de 22.000€ para unha segunda fase que o goberno local prevé destinar á mellora de diferentes camiños e viais de titularidade municipal.

O proxecto que se vai acometer nesta primeira fase servirá para mellorar máis de 1.200 metros lineais de beirarrúas en cinco viais diferentes do casco urbano de Cedeira. Así, na Avenida de España, rúa José Pascual López Cor, Camiño de Pitilleira e Salinas levantarase o pavimento actual, que se atopa bastante deteriorado, para instalar unhas losas rectanculares de formigón granallado, mentres que na Ponte Nova colocaranse losas de pedra granítica.

A substitución de beirarrúas realizarase en todos os tramos das rúas citadas, salvo en López Cor, onde o cambio afectará só a unha das marxes. No caso do tramo da Avenida de España comprendido entre as rúas Vila Méjico e As Pontes de García Rodríguez, aproveitarase a intervención para ampliar as beirarrúas e darlles un ancho de 1,80 metros.

O goberno local ten previsto levar ao próximo pleno o segundo proxecto do POS+Adicional, que incluirá melloras en viais de Santalla, Candelas, Cordolelas e Santallamar.