Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ACOMETERÁ A CONSOLIDACIÓN E REPARACIÓN DAS CUBERTAS DOS ESCOLARES DE SAA E SISALDE MAIOR

A Xunta de Goberno de Cedeira aprobou o inicio do expediente de contratación da obra de “Consolidación e reparación da cuberta nos centros escolares de Saa e Sisalde Maior”, que ten un presuposto de 74.163,47€ (IVE incluído) e que se acometerá con cargo ao POS+2021. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que esta é unha actuación urxente para “protexer dúas edificacións que están catalogadas como arquitectura indiana e que son unha herdanza da emigración cedeiresa que é importante preservar”.

As dúas construcións, hoxe empregadas para usos comunitarios, foron promovidas pola mesma sociedade de instrución e beneficencia “Progreso de Esteiro”, fundada en La Habana. Son edificacións de dúas alturas, nas que o baixo estaba antigamente ocupado por unha aula nenos e outra de nenas, e o primeiro piso era a casa do mestre. Ambas as dúas están catalogadas e por tanto actuarase necesariamente co visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio.

A de Saa data do ano 1925 e está afectada por filtracións de auga e humidades na cuberta e na cornisa perimetral que provocaron o deterioro do tramado de madeira. O goberno local pintara recentemente o edificio e cambiara a carpintería exterior, ao igual que no antigo escolar de Piñeiro, porén a súa conservación precisaba desta intervención.

Pola súa banda, o antigo escolar de Sisalde Maior foi levantado en 1931 e necesita a urxente consolidación e reparación dos muros, a cuberta e os caleiros. A súa estabilidade está en perigo, como o anterior inmoble, polas humidades que afectaron ás vigas, estrutura de madeira e muros de carga.

A licitación desta actuación sairá publicada na Plataforma de Contratación do Sector Público. En ambos os dous edificios, vai consistir na sustitución dos elementos deteriorados, o saneamento das pezas de madeira que poidan ser recuperadas, a impermeabilización de muros e o reforzo estrutural en determinados puntos.

Segundo destacou o alcalde, esta actuación resposta á demanda expresada pola Asociación de Veciños de Esteiro e recordou que o goberno local mantén reunións periódicas con esta e outras entidades veciñais, coas que se traballa estreitamente para coñecer necesidades e manter en bo estado as propiedades municipais. Moreda subliñou a importancia de conservar estes dous edificios de Saa e Sisalde Maior, referencias para o desenvolvemento de actividades culturais, sociais ou deportivas.