Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO ABRE O PRAZO DUNHA NOVA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA ASOCIACIÓNS E ENTIDADES DEPORTIVAS

O Concello de Cedeira abre o prazo de solicitude dunha nova convocatoria de axudas para entidades e asociacións deportivas do municipio, que como en anteriores edicións conta cun apartado para actividades, dotado con 30.000€, e outro para investimentos, con 6.000€. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, quixo recoñecer o esforzo realizado polos clubes da vila no último ano para manter o pulso pese ás dificultades e alentounos a seguir traballando, coas prevencións requeridas en cada momento, na confianza de que pouco a pouco recuperarán a plena normalidade.

“O goberno local está ao lado dos clubes para fomentar o deporte base, porque representa unha escola de hábitos saudables, de valores, de convivencia… e tamén apostamos polo deporte federado e celebramos o crecemento e os éxitos dos nosos e as nosas deportistas”, dixo o alcalde.

No apartado de actividades, a convocatoria de axudas vai dirixida a sufragar, con ata un máximo de 7.000€ por entidade, os gastos de compra de trofeos, material non inventariable, gastos de desprazamento e aloxamento para ir a competicións, aluguer de pistas deportivas, gastos federativos, de arbitraxes, nóminas do persoal técnico, carteis e outros materiais de difusión de eventos deportivos, seguros e outros gastos de mantemento como a luz, a auga, etc. En canto ao apartado de investimentos, os fondos van dirixidos a sufragar a compra de material inventariable.

O prazo de solicitude está aberto ata o 7 de xuño e a concesión de axudas resolverase polo procedemento de concorrencia competitiva, aplicando un baremo que ten en conta o número de nenos e nenas que toman parte nas escolas de deporte base, a participación feminina, a organización de competicións, a antigüidade do club, o número de deportistas federados, o número de técnicos, o menor importe da cuota mensual, o uso da lingua galega e o compromiso de colaboración dos Servizos Sociais do Concello.a