Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CENTRO DE OCIO XUVENIL PROMOVE PARA ESTE SÁBADO UN OBRADOIRO DE RECICLAXE TEXTIL E CONSUMO SOSTIBLE

O Centro de Ocio Xuvenil de Cedeira organiza para este sábado un obradoiro gratuíto de reciclaxe textil e consumo sostible no que rapaces e rapazas aprenderán a darlle unha nova vida útil a tecidos procedentes de roupa usada. As ferrolás Antía Orjales e Helga Filgueira, impulsoras da marca Longa Vida Handmade, serán as encargadas de desenvolver esta actividade este sábado entre as 17.00 e as 19.00 horas. O obradoiro está dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 18 anos e é precisa a inscrición previa, no mesmo Centro de Ocio Xuvenil ou ben a través do mail coxcedeira@gmail.com.

A produción textil é a segunda máis contaminante do planeta por detrás da industria petroleira. O sector é responsable, a través dos tintes fundamentalmente, do 20% da contaminación mundial de auga potable. De aí que sexa importante concienciar sobre o impacto que a “fast fashion” ten sobre o planeta e aprender outros modelos de consumo que pasan pola reutilización e a reciclaxe.

A empresa Longa Vida Handmade é precisamente unha iniciativa de recuperación e transformación de prendas de roupa en novos artigos de moda, ben sexa unha totebag, un coleteiro, un estuche, un portamóbil… O obradoiro que as dúas emprendedoras de Longa Vida van desenvolver en Cedeira proporcionará aos rapaces e rapazas participantes todos os materiais necesarios para darlle saída as súas creacións. Desde as máquinas de coser ata os tecidos, marcadores, agullas, tesoiras, fíos, etc.

Por outra parte, a Banda de Música Vila de Cedeira vai festexar este sábado a patroa da música, Santa Icía, cun concerto de solistas. O Auditorio Municipal acollerá o recital, no que tocarán en solitario diferentes instrumentistas da formación baixo a dirección de Eduardo Mallén Gandel. A cita, de entrada libre, será ás 20.00 horas.