Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O GASTROBAR O AMANEXO GAÑA A TERCEIRA EDICIÓN DO CERTAME DE TAPAS DE OUTONO DO CONCELLO DE CEDEIRA

O gastrobar O Amanexo foi o gañador do III Concurso de Tapas de Outono, convocado polo Concello de Cedeira para contribuír a dinamizar a hostalería da vila nun mes, o de novembro, tradicionalmente frouxo para o sector. Desde o goberno local estímanse unhas 5.000 tapas vendidas nos oito establecementos participantes e destacan o bo ambiente co que se viviu o certame, con pandillas percorrendo os establecementos e gozando coa creatividade, a orixinalidade e a calidade da cociña local.

A concelleira de Turismo, Carmela Prieto, e o técnico de Cultura do Concello, Quique Vázquez, entregaron onte ao cociñeiro do Amanexo, Miguel López López, o diploma que o acredita como o gañador do certame. O seu establecemento, que xa resultada gañador da primeira edición, vendeu do venres ao domingo un total de 1.250 tapas. O seu petisco estaba elaborado con rabo de boi desosado, feito no seu zume, con cantharellus, tubaeformis, parmentier e confitura de cabaza, cristal de grelo e bolecha de castaña.

A segunda tapa máis votada polo público foi a do Mesón O Mesón e a terceira a do Bar O Mástil. Emitíronse 300 votos –cada un deles garante que a persoa probou cinco petiscos- e ademais dos xa nomeados participaron no certame a Taberna Praza do Peixe, o Restaurante Brisa, a Taberna A Xunqueira, a Cervexaría La Central e a Pizzería Sheriff.

Desde o Concello de Cedeira felicitan a todos os establecementos participantes, que amosaron un amplio abano de opcións, ao tempo que animan aos negocios de hostalería que non o fixeron este ano a inscribirse o ano que vén para que a oferta sexa aínda máis rica e variada.

Entre as persoas que emitiron o seu voto, e que exerceron polo tanto de xurado, sorteouse unha cea para dúas persoas no local gañador, O Amanexo.